O 3×3 FGB abrirá a temporada Camiñando a Compostela. A Federación Galega de Baloncesto pon en marcha a I Edición do 3×3 “Camiño a Compostela”.
Gracias a colaboración directa do Concello de Santiago, os vindeiros 1, 2 e 3 de setembro, o 3×3 será o protagonista dun evento con triple vertente:
Venres, apertura a pé.
A primeira xornada do 3×3 “Camiño a Compostela” permitirá peregrinar con nós ata o epicentro de Compostela, a Paza do Obradoiro.
En horario de tarde, xunto aos equipos participantes que así o desexen, poñeremos rumbo a Catedral para realizar a apertura dunha fin de semana completa.
Aqueles equipos que realicen esta peregrinación simbólica terán dereito, de xeito gratuíto, á noite de hotel do venres.


Sábado, balón e premios en xogo
A xornada central do “3×3 Camiño a Compostela” será a do sábado, 2 de setembro.
Durante todo o día viviremos a competición 3×3 na Praza de Europa do Centro Comercial Área Central. Poranse en xogo dúas categorías mixtas: Sénior e Júnior e Cadete e Infantil.
En ambos os casos os gañadores veranse recompensados cun premio de 200 euros en material deportivo.
Unha fase de grupos clasificatoria a unha volta e as posteriores cruces, configurarán o formato de xogo.
As prazas dispoñibles para participar serán un total de 12 equipos por categoría, rexistrándose por rigorosa orde de inscrición. Os equipos poderán estar conformados como máximo, de 4 xogadorxs.
Domingo non competitivo
O “3×3 Camiño a Compostela” abrirase a todas as categorías (dende preminibasket ata sénior), nun marco non competitivo, na xornada do domingo, 3 de setembro.
Esta xornada, de carácter lúdico, terá tamén lugar na Praza de Europa en Área Central, e non conta con límite de prazas para a participación. Os equipos poderán estar conformados como máximo, de 4 xogadorxs.
Neste caso, o 3×3 tamén será mixto e poderán participar equipos non presentes na xornada do sábado ou aqueles que desexen facelo en ambas as datas.
Inscrición
Os equipos que desexen visitar Compostela e vivir con nós esta I edición do “3×3 Camiño a Compostela” xa teñen dispoñible toda a información correspondente e o FORMULARIO no que tramitar a súa inscrición de xeito gratuíto.
O prazo para completar a mesma remata o 28 de agosto.