Regresa a “Aula Formativa do Adestrador”

A Área Deportiva FGB recupera o formato “Aula Formativa do Adestrador”, abrindo de xeito inminente a primeira destas citas no marco da presente temporada 2017 – 2018.

Esta convocatoria de estrea terá lugar o vindeiro luns, 12 de febreiro; da man de Concello de Tui e CB Tui. Nesta vila pontevedresa, en horario de tarde, a FGB contará coa colaboración de dous técnicos galegos de ampla traxectoria no noso baloncesto, Javier Llorente e Cristina Cantero; para impartir dúas charlas en pista (Pavillón Municipal), catalogadas ambas polo departamento de adestradores FGB como “evento formativo básico”:

(16.30 h) Javier Llorente (Adestrador Marín ENCE Peixe Galego. Liga EBA): “Construción e conexión dun ataque en formación”.

(18.00 h) Cristina Cantero (Adestradora Celta Baloncesto. Liga Feminina 2): “Como potenciar a mellora individual do xogador”.

Inscrición e validación formativa
Os adestradores que desexen inscribirse na “Aula” deberán solicitalo vía mail (adestradores@fegaba.com) remitindo, como habitualmente; datos persoais, club de procedencia e referencia da “Aula” en cuestión. O prazo para realizar este trámite vence este mesmo venres, 9 de febreiro.

Pola súa banda, neste caso, o proceso de validación formativa computarase por 8 horas de FC para os alumnos dos cursos de adestradores que asistan á totalidade da “aula” e asinen persoalmente o formulario que se remitirá ao remate da mesma.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram