O CAD Manuel Pelteiro – FGB consolídase cunha nova temporada de aprendizaxe

40 alumnos, forzas renovadas e profesorado de calidade para unha nova temporada formativa no Centro de Actividades Deportivas(CAD) Manuel Peleteiro – FGB. O Curso 2020 – 2021 para este proxecto formativo conxunto da Federación Galega de Baloncesto e o Colexio Manuel Peleteiro, nado en 2018; arrinca este domingo, 13 de setembro; e faino de xeito presencial entre rigurosas medidas de control sanitario e respectando os protocolos precisos.

Nesta estrea do CAD 2020 – 2021 o total de 40 alumnos matriculados, 21 en Ciclo Inicial e 19 para Ciclo Final; reuniranse nas instalacións do Colexio Manuel Peleteiro e tomarán parte dunha charla técnica inaugural de referencia, impartida por Miguel Ángel Ortega. O adestrador compartirán con eles e elas as súas sensacións en torno a unha temática que os une a todos: o percorrido vital dun adestrador.

Este pistoletazo de saída abrirá as portas dun renovado CAD que se adapta aos tempos e que realizará un 60 por cento da súa carga lectiva de xeito presencial, e a restante nun formato online sempre aberto a cambios e ás necesidades da situación tanto sanitaria como deportiva. En calquera circunstancia, non faltarán ademáis os seus obradoiros específicos, seminarios exclusivos e visitas de profesionais de alto nivel para traballar co alumnado.

E para levar a cabo esta estrutura o CAD segue contando co aval cualitativo do seu bloque de profesores, tanto a nivel xeral como específico. Así, na parte estritamente deportiva, mantén o grupo de docentes FGB das pasadas edicións e cuxa calidade noméase por si mesma: Cristino Menor, Rubén Domínguez, Chete Pazo, César Iglesias, Rubén Vázquez, Fernán Varela e o propio Director Deportivo FGB, Carlos Colinas.

Os sete técnicos galegos acompañarán aos novos alumnos no seu crecemento como adestradores dende que se suba o pano este domingo ata final de temporada, e sempre en permanente contacto. Benvidos todos a un novo curso!

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram