Cita coa “Aula Formativa do Adestrador Galego” en Homenaxe a Cristina Seijo

A Federación Galega de Baloncesto programa para o 10 de febreiro a súa primeira “Aula Formativa do Adestrador” da presente temporada 2018 – 2019. E faino cunha sede, obxectivo e colaboradores moi especiais.

Da man de C.B. Breogán e Deputación de Lugo; a Área de Adestradores FGB celebrará na cidade da muralla unha nova sesión do seu formato “Aula Formativa” en homenaxe a Cristina Seijo, coñecida e querida xogadora, adestradora e directiva lucense falecida o pasado ano 2018.

Cristina Seijo, que dedicou toda a súa vida ao baloncesto lucense impulsándoo dende diferentes perspectivas, será recordada no marco dunha actividade para e por adestradores. Os protagonistas que exercerán de conferenciantes e guías desta aula serán tres grandes nomes, de traxectorias recoñecidas tanto do baloncesto lucense como nacional: o actual Seleccionador Galego Cadete, Tito Díaz; o adestrador Madrileño Pepe Laso; e o presente secretario técnico do C.B. Breogán; Juan Carlos Castro.

Formación e Basket ACB

Esta aula formativa celebrarase no Pavillón de FRIGSA a partir das 10.00 h do indicado día 10 de febreiro, seguindo unha axenda que se iniciará con tres charlas consecutivas (10.00 h: Juan Carlos Castro; 11.15 h: Tito Díaz; e 12.30 h: Pepe Laso) e culminará, xa en horario de tarde, no partido de Liga Endesa entre C.B Breogán e UCAM Murcia, cita á que poderán acceder de balde os asistentes á totalidade da actividade.

A programación a seguir durante as tres intervencións será ben interesante grazas á estas temáticas:

Juan Carlos Castro: “A Escola do Baloncesto”.

Tito Díaz: “Construír un ataque cun xogador interior”.

Pepe Laso: “Ser e convertirste en Adestrador”.

Inscrición e validación formativa

Os adestradores decididos en tramitar a súa inscrición nesta aula poderán facelo de xeito gratuito ata o vindeiro sete de febreiro, enviando vía mail (adestradores@fegaba.com) a súa solicitude de participación e datos básicos.

Así mesmo, como é habitual nas actividades de formación FGB, os alumnos dos cursos de adestradores terán a posibilidade de validar a presencia nesta Aula por un total de 8 horas de Formación Complementaria.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram