USC e Federación Galega de Baloncesto activan nova convocatoria de curso de iniciación á arbitraxe federada para o alumnado universitario do campus de Lugo

A actividade dotada de 62 horas de duración permitirá obter 2 créditos ECTS.

Unha vez superada esta acción formativa que tamén está aberta ao conxunto da cidadanía, o estudantado poderá incorporarse ao Comité Galego de Árbitros de Baloncesto na súa zona xeográfica correspondente, continuando coa dinámica formativa e deportiva.

A convocatoria conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do Centro Educativo Galén, cedendo este último o uso do Pavillón no que se realizarán parte importante das aulas.

A USC e a Federación Galega de Baloncesto reforzan a súa aposta pola formación en materia de arbitraxe federada para o alumnado universitario.

Ambas as institucións poñen en marcha de xeito común o segundo curso de iniciación a arbitraxe dirixido ao alumnado da USC, centrando neste caso a oferta formativa no campus de  Lugo.

Esta nova convocatoria de curso de iniciación que abre o seu prazo de INSCRICIÓN este vernes, 17 de novembro e que se estenderá ata o día 27 de novembro, permitirá seguir tecendo lazos entre a Universidade de Santiago de Compostela e a contorna deportiva.

A través do curso o alumnado USC do campus lucense entrará en contacto coas bases do traballo da arbitraxe e coas regras de xogo, a mecánica, sinalización e funcións específicas das persoas oficiais de mesa, así como na dinámica do Comité de árbitros e os seus integrantes. O profesorado está composto por profesionais da arbitraxe e oficiais de mesa con ampla traxectoria e ligazón co Comité Galego de Árbitros de Baloncesto, a FEB, ACB e FIBA.

Superado o curso, o estudantado poderá incorporarse ao Comité Galego de Árbitros de Baloncesto na súa zona xeográfica correspondente, continuando coa dinámica formativa e deportiva. A actividade dotada de 62 horas de duración permitirá obter 2 créditos ECTS.

Programa

A formación contará cunha parte teórica en liña que se impartirá os días 28, 29 e 30 de novembro de 17.00 a 21.00 horas, e cunha parte práctica presencial a celebrar en Lugo os días 2, 4 e 5 de decembro.

Esta carga didáctica completarase cun total de 44 horas de prácticas en partidos reais entre o 8 de decembro e o 26 de marzo. Estas prácticas serán remuneradas xa que se realizarán en partidos da Federación Galega de Baloncesto e sempre baixo a tutela de árbitros/oficiais de maior experiencia e cualificación.

Para poder realizar as prácticas, por normativa legal, é imprescindible afiliarse con licenza da Federación Galega de Baloncesto.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram