Presentado o Campionato de España de Clubs Infantil Feminino en Pontevedra

Pontevedra acollerá do 02 ao 08 de xuño o Campionato de España de clubs Infantil Feminino.
Os pavillóns Municipal de Pontevedra e o Pavillón Multiusos serán o escenario no que os 32 mellores equipos do territorio nacional buscarán hacerse con título.

A sede do Concello de Pontevedra foi o escenario este venres da presentación oficial do próximo Campionato de España de Clubs Infantil Feminino, que terá lugar do dous ao oito de xuño nesta cidade. 

Pontevedra volve a ser protagonista do mellor baloncesto de formación a nivel nacional grazas á colaboración entre o propio Concello e o CB Arxil, organizadores ambos desta nova edición.

O pavillón Municipal de Pontevedra e o Multiusos acollerán aos 32 mellores equipos do panorama nacional competido nun total de 66 partidos.

No acto de presentación compartiron a súa ilusión pola chegada a Pontevedra do Campionato: o Alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores; o Presidente FGB, Julio Bernárdez; Mayte Méndez como representante de CB Arxil; o Seleccionador Feminino Absoluto, Miguel Méndez; e a xogadora local Nerea Liste.

O rexedor pontevedrés recalcou a “importancia dun torneo deste tipo coa presenza na cidade de máis de 2.000 persoas ao longo de toda a semana.” Un evento que “é unha gran inversión” a diferentes niveis para Pontevedra.

Dende a presidencia FGB, Julio Bernárdez, puxo en valor a implicación do Concello e do CB Arxil na organización dun Campionato que será “un espaldarazo para a cidade”. Aproveitou a ocasión tamén para desexar sorte ao Club na Fase de Ascenso a Liga Challenge, na que participará a finales do presente mes. 

Mayte Méndez agradeceu a confianza depositada no CB Arxil por parte de Concello e da FGB. No club, suliñou, “temos unha estrutura idónea para levar o Campionato a cabo”.

Para finalizar, Miguel Méndez apuntou que “as deportistas poderán desfrutar desde a esixencia un campionato destas características nunha cidade tan de baloncesto e tan de baloncesto feminino. E todos os familiares e visitantes poderán gozar dunha cidade incrible como é Pontevedra”.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram