Compostela acollerá o Campionato de España Cadete Feminino do 19 ao 25 de maio

Máis de 600 deportistas pertencentes a 32 equipos participarán no Campionato de España Cadete Feminino, un fito deportivo e social organizado pola Federación Galega de Baloncesto e o Concello de Santiago que terá lugar do 19 e 25 de maio en varios espazos da cidade.

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, acompañada de Julio Bernárdez, presidente da Federación Galega Baloncesto, Miguel Martínez, seleccionador español Absoluto Feminino e de Iris Díaz, árbitra do Grupo 3 FEB, presentou esta mañá no Pazo de Raxoi o Campionato de España de Baloncesto na categoría Cadete Feminino que se celebrará en Santiago entre o 19 e o 25 de maio. Durante estes sete días, disputaranse un total de 66 partidos que terán lugar nos pavillóns municipais do Restollal, Fontiñas e de Santa Isabel.

Pilar Lueiro agradeceu a confianza da Federación Galega de Baloncesto e salientou a trascendencia destas competicións para o concello, “non só pola repercusión económica senón sobre todo porque inciden nun aspecto fundamental como é o impulso do deporte base sendo un escaparate para as máis e os máis pequenos transmitindo os valores do esforzo, respecto e superación”.

A edila animou a toda a veciñanza de Compostela, especialmente ás rapazas, a seguir esta competición xa que será “unha auténtica celebración do deporte e de todos os seus aspectos positivos, convertendo Santiago no escenario perfecto para dar a visibilidade que merece o deporte e especialmente o feminino”, o que contribúe a “superar a fenda de xénero e avanzar en políticas de igualdade tamén a través do deporte”.

Unhas palabras que referendou o Presidente da Federación Galega de Baloncesto, quen tamén quixo agradecer ao Concello e ao seu equipo de deportes polo seu compromiso e esforzo económico para poñer en marcha o campionato.

Bernárdez remarcou “a importancia de visibilizar o Deporte Feminino e a xestión deportiva das mulleres que fan posibles os eventos”. Nesta liña, manifestou o seu recoñecemento á Federación Española de Baloncesto, na persoa da súa presidenta, Elisa Aguilar; por confiar en Galicia para acoller na vixente temporada “un fito tan importante como é a organización de tres Campionatos de España”.

Educación, formación e visibilidade

Miguel Mendez fijo fincapé no valor dos Campionatos de España como citas para “partindo da exixencia que supón unha competición, seguir formado e educando ás nenas e nenos máis novos”.

O Seleccionador Absoluto sinalou o poder da necesaria “visibilidade e presencia de referentes” que lle aportan ao Baloncesto Feminino eventos destas características.

Finalizou Iris Díaz, colexiada galega en categorías nacionais; representando ao colectivo arbitral ao completo e avalando a importancia da arbitraxe e do traballo de todos e todas as súas compañeiras no marco destas Competicións.

Talento feminino

Esta cita que porá o total protagonismo no potencial, valores e talento deportivo que atesouran as xogadoras novas do baloncesto nacional, converterá a Compostela en punto de encontro para un total de 32 equipos, máis de 600 deportistas, 30 árbitros, 70 oficiais de mesa e un número aproximado de 2.000 afeccionados.

Entre os 32 equipos haberá tres galegos, dos que aínda non se coñecerá a súa identidade ata 28 de abril. Serán o campión, subcampión e terceiro clasificado da Liga Galega Cadete Feminina auspiciada pola Federación Galega de Baloncesto e que remata nesa data.

Disputaranse un total de 66 partidos durante os 7 días de competición que abranguen do 19 de maio ao 25 de maio e que terán no Pavillón do Restollal, o Pavillón de Fontiñas e o Pavillón de Santa Isabel, acollendo este último a Fase Final do campionato.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram