Ourense acollerá do 15 ao 17 de setembro a Copa Galicia de Baloncesto Sénior Masculina

– O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; e o coordinador deportivo do Club Bosco Salesianos, Sonny Vázquez, presentaron a competición, que renderá homenaxe póstuma a Vicente “Nino” Santos.

– Club Ourense Baloncesto disputará unha das semifinais fronte a Río Breogán e Monbus Obradoiro o fará fronte a Leyma Básquet Coruña.

A cidade de Ourense reunirá a elite do baloncesto galego masculino os días 15 e 17 de setembro, coa disputa da edición número 36 da Copa Galicia sénior Masculina, no Pazo Paco Paz. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o vicepresidente da Deputación Provincial, Rosendo Fernández; o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; e o coordinador deportivo do Bosco Salesianos, Sonny Vázquez, presentaron esta mañá a competición, que reunirá na cidade de Ourense os dous equipos galegos ACB, Monbus Obradoiro e Río Breogán; e aos dous LEB Ouro, Club Ourense Baloncesto e Leyma Basquet Coruña.

O Club Ourense Baloncesto disputará unha das semifinais fronte ao Río Breogán e o Monbus Obradoiro o fará fronte a Leyma Basquet Coruña, segundo o sorteo que se realizou no propio acto de presentación, a cargo de dous xogadores das categorías de base do Bosco Salesianos.

As semifinais viviranse o día 15 e a final o 17. Tamén durante estes días, Ourense acollerá un claustro formativo docente coa participación de adestradores galegos que ofrecerán charlas no colexio Salesianos.

Esta XXXVI Copa Galicia servirá de homenaxe Vicente “Nino” Santos, figura emblemática e moi querida do baloncesto ourensán, recentemente falecido. A organización explicou tamén que parte da recadación do evento se destinará á Asociación Española contra o Cancro.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome; destacou na presentación que “estamos ante unha festa do baloncesto galego, onde o Concello e a Deputación fan o esforzo económico e loxístico para que se leve a cabo”. Resaltou que o evento será tamén unha “festa de visibilidade do baloncesto galego”, subliñando o feito de que se celebre nunha cidade que é unha das súas protagonistas e que segue hoxe no “top” galego deste deporte.

Pola súa banda, Francisco Martín, Presidente da Federación Galega, agradeceu a todas as institucións implicadas e clubs participantes pola seu compromiso coa fase Final da Copa Galicia, unha competición que regresa a Ourense tras a súa última visita, no ano 2015, e que o fai coa motivación importante de “recoñecer na memoria a figura de Vicente “Nino” Santos”

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram