A Escola Galega de Árbitros prende de novo os motores

Posta de longo para a VIII promoción da Escola Galega de Árbitros. O proxecto formativo do Comité Galego de Árbitros, que desde o ano 2015 ofrece unha oportunidade de crecemento e impulso a árbitros novos de toda Galicia, abriu o venres, 27 de outubro; no Colexio San José de Cluny (Compostela) a súa oitava edición.

25 alumnos de entre 13 e 20 anos e procedentes dos diferentes comités zonais FGB, viviron esta tarde o seu primeiro contacto coa Escola, e fixérono acompañados do directivo FGB, Alejandro Alcalde; do xefe de estudos, Dani Illán; e de moitos compañeiros e compañeiras de categoría FEB.

Dende hoxe mesmo, e ata o mes de xuño, os 25 serán os protagonistas de diferentes clases presenciais, charlas online e sesións en pista que buscarán a súa mellora técnica e a súa proxección no mundo da arbitraxe.

O global desta formación estará dirixido polo Director Técnico do Comité Galego de árbitros, Miguel Ángel Pérez; acompañado polo propio Xefe de Estudos, Técnicos CGAB e relevantes profesionais da arbitraxe a nivel nacional e internacional.

“Calidade e excelencia”

A sesión inaugural da ESGAR contou cunha apertura especial guiada polo Xefe de Estudos e na que o alumnado puido recibir as impresións e verbas de ánimo do Director Técnico FGB, Miguel Ángel Pérez; do Presidente FGB, Julio Bernárdez; e do Directivo FGB, Alejandro Alcalde. 

O Presidente Federativo dirixiuse aos alumnos a través de vídeo por atoparse fóra de Galicia representando á FGB en evento de traballo da Federación Española de Baloncesto.

Bernárdez expresou a súa convicción sobre o éxito dunha nova promoción da ESGAR que “logrará os mesmos parámetros de calidade e excelencia obtidos polos 160 compañeiros de temporadas anteriores”.

Agredeceu tamén a Alejandro Alcalde, representante da directiva FGB nesta presentación e interlocutor do CGAB; e a Daniel Ilán, Xefe de Estudos da Escola, o seu “compromiso coa mesma”.

Pola súa banda, o Director Técnico CGAB e impulsor da Escola, Miguel Ángel Pérez; interviu na presentación dende Belgrado.

Dende esta cidade, na que se atopaba tras participar no encontro da Euroliga, Partizan – Estrella Roja, Pérez Pérez lembrou aos 25 integrantes da Escola a “grandeza da arbitraxe” e como a formación permite crecer “como colexiados e como persoas”.

Miguel Ángel solicitou a todos os alumnos que “disfruten” da súa participación na ESGAR, a “iniciativa de maior relevancia que actualmente ten o CGAB”.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram