Seleccións Galegas

Selección Galega

Selección GalegaO Basket Galego está de noraboa cando xoga unha das nosas seleccións. Aquí atoparás toda a información relativa ás convocatorias, concentracións, encontros, torneos ou campionatos oficiais nos que participen os nosos combinados, tanto os de categoría senior como os de base.

O primeiro partido da historia da Selección Galega de Baloncesto Senior celebrouse o 20 de xuño de 2006 no Pavillón dos Deportes de Lugo. Naquela ocasión, o combinado galego adestrado por Quino Salvo enfrontouse á selección de Xapón e logrou impoñerse cun marcador final de 62-58. Ao día seguinte, no Pavillón das Travesas de Vigo, tivo a súa grande estrea a selección feminina adestrada por Juan Corral. Neste caso, as rapazas caeron derrotadas polas xaponesas (59-75), pero máis de 1.500 seareiros as arrouparon durante o seu primeiro encontro internacional.

En 2007, ambos os combinados tiveron unha nova oportunidade de representar o noso país. Nesta ocasión tocou un rival de maior envergadura: a selección de Cuba. O 20 de xuño xogaron as mulleres, adestradas por Miguel Méndez e Maite Méndez, no Pavillón vilagarcián de Fontecarmoa. Alí déronse cita máis dun milleiro de afeccionados e a selección, malia non obter a victoria, obtivo un máis que digno resultado: 63-81.

O 21 de xuño foi quenda dos homes, de novo ás ordes de Quino Salvo. O Pazo Paco Paz de Ourense foi escenario dun vibrante e equilibrado partido que concluíu con victoria cubana por 76-89. O máximo anotador galego foi Esteban Gómez, con 15 puntos.

Nos seguintes anos 2008, 2009 e no actual 2010, as Seleccións Galegas Sénior saltaron de novo á cancha grazas á celebración, durante os tres anos consecutivos, do Trofeo das Nacións. Esta competición, creada tras asinarse un convenio entre as Federacións de Baloncesto Galega, Vasca e Catalá, reuniu en diferentes ocasión ás seleccións sénior destas tres Comunidades para disputar este Torneo.

Durante este trienio este Torneo celebrouse en categoría feminina e masculina, de xeito rotatorio, en sedes galegas, vascas ou catalás contando, como convidadas especiais, con seleccións europeas da talla de Portugal, Cuba ou Lituania. En resumo, toda unha ocasión especial para desfrutar do talento galego no Baloncesto.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram
Máis noticias