XXVIII Copa Galicia Sénior Masculina: Río Natura Monbus e C.B. Breogán, semifinalistas

Río Natura Monbus e C.B. Breogán veranse as carás mañá, domingo 22 de setembro, (12.30 h, Multiusos Fontes do Sar) na Final da XXVIII Copa Galicia tras vencer esta tarde de sábado as súas respectivas semifinais ante Club Ourense Baloncesto e Leyma Básquet Coruña.

SEMIFINAIS – 21/09/13

Rio Natura Monbus – Club Ourense Baloncesto
(25-11, 19 – 16, 24-17,13-10) (81 – 53)
(18.00 h) (Multiusos Fontes do Sar)
(Árbitros: Carlos Cortés, Jacobo Rial, Diego Domínguez)

Rio Natura Monbus buscará mañá, domingo, levantar a que sería a súa cuarta Copa Galicia consecutiva, e farao tras vencer nun partido cómodo a Club Ourense Baloncesto.

Os composteláns, claros e serios, marcaron o seu territorio desde os primeiros minutos, delimitando amplas diferenzas respecto ao COB, menos intenso en ataque e que pagou os seus erros en liñas de pase.

O equipo da cidade das Burgas sufriu escaso acerto baixo o aro e un ritmo algo lento en ataque, elementos ambos que resultaron claves á hora de non poder ofrecer todo o seu potencial ante un rival da máxima entidade como é Rio Natura Monbus, que chegou ao descanso cunha renda de 17 puntos (44 – 27)

A volta dos vestiarios non mellorou as cousas para os de García de Vitoria, que tiñan que facer fronte á axilidade de ideas e á puntería dos locais, quenes xa vían máis preto a posibilidade de rubricar a semifinal con vitoria. A eficacia e bo facer dos Corbacho, Junyent e todo o bloque de novos baluartes obradoiristas axudaban neste obxectivo.

Os últimos dez minutos mantiveron a gran diferenza no electrónico, e evidenciaron como ambos equipos rebaixaban o seu ritmo. A vitoria materializábase clara para Rio Natura Monbus cun contundente 81 – 53

Leyma Basquet Coruña – C.B. Breogán
(19 -20, 19 -19, 11-21,15-10) (64 – 70)
(20.00 h) (Multiusos Fontes do Sar)
(Árbitros: Miguel Ángel Pérez Pérez, Cristian Martín, David Posada)

Igualado e denso partido o disputado por Leyma Básquet Coruña e C.B Breogán, e que permite a este último, trala súa traballada vitoria, o buscar mañá unha nova copa Galicia, a doceava, para as súas vitrinas.

Os herculinos, lastrados por un alto número de perdas, deron a cara en todo intre nun partido no que custou atopar, ata ben entrado o xogo, un claro dominador.

Coruñeses e Lucenses amosaron ser equipos peleóns malia o trabado e o irregular do ritmo de ambas escuadras e do propio partido. A maior consistencia dos de Lisardo Gómez, acertados sobre todo desde a liña de 6,75 en fases vitais do encontro, decantou a balanza ao seu favor.

Básquet Coruña intentouno ata o final, estreitando a diferenza a tan só seis puntos na metade do último cuarto. Pero o marcador e as condicións de xogo continuaron de cara para os breoganistas, facilitando o seu camiño á final deste domingo. (64 – 70)

Rio Natura Monbus – Club Ourense Baloncesto. Estatística. Final.
Leyma Basquet Coruña – C.B. Breogán. Estatística Final.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram