XXV CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SELECCIÓNS AUTONÓMICAS: Última xornada para Galicia en San Fernando


Seleccion Galega Minibasket Masculina – Categoría Preferente

Enfrontamento polo 3º e 4º posto
Murcia – Galicia (03/04/12 – 11:30 horas – Pavillón Parque 2) (83 – 72)

As dúas seleccións plantáronse na pista do Pavillón Parque logo de quedar a un paso do ansiado ascenso ao Grupo Especial. Con todo, ambas, tal e como se esperaba, non defraudaron e deleitaron aos asistentes cun partido emocionante e vibrante ata a bucina final.

Os murcianos demostraron desde o inicio as súas ganas de estar de cheo no partido, cunha defensa agresiva e provocando o descontrol no equipo galego. Aínda así, os nosos foron capaces de sobrepoñerse a un mal inicio e concentrarse por completo desde o final do primeiro sexto.

A igualdade foi a nota predominante na primeira parte, sen esquecer as inevitables, a estas alturas, aparicións do cansazo acumulado, que parecía ter máis peso nos galegos que nos murcianos.

Xa no cuarto sexto, os nosos conseguiron abrir unha pequena brecha no electrónico. Distancia que finalmente foi insuficiente grazas ao empuxe do rival e ao seu maior acerto.

O partido chegou aos últimos segundos con todo por decidirse. Con tan só 15 segundos no marcador os galegos tiveron unha última posesión, e cunha gran canastra conseguiron poñerse un arriba. Con todo, unha falta en contra concedeu aos murcianos dous tiros libres vitais a falta de 7 décimas. Só un deles entrou e así, con empate a 70-70 no electrónico, chegouse ao final dos 48 minutos.

Foron necesarios pois 5 minutos extra nos que Galicia se viu esvaecida por completo. Logo de perder o primeiro balón que tivo, pouco máis puido lograr. Un parcial de 13-2 afastábanos por completo de pechar a participación cunha vitoria.

Ao termo do encontro, a satisfacción por competir entre os mellores, un 4º posto final dentro da clasificación do grupo preferente e a esperanza de poder seguir gozando deste deporte.

Seleccion Galega Minibasket Feminina – Categoría Especial

Enfrontamento polo 9º e 10º posto
Galicia – La Rioja (03/04/12 – 11:30 horas – Pavillón Compañía de María) (59 – 44)

Galicia pechou cunha vitoria a súa andaina no Campionato. O paso da nosa selección por San Fernando tivo o seu broche cunha alegría grazas a unha traballada vitoria ante A Rioxa por 59-44.

As galegas saíron moi metidas no partido, sabedoras de que era a última oportunidade de brillar sobre as pistas de Cádiz. Niso obtiveron unha ampla vantaxe nos primeiros sextos e fóronse ao descanso con vinte puntos arriba no marcador.

A segunda parte comezou con menos intensidade por parte das nosas, con continuos erros que aproveitaron, sen dubidalo, as rivais. Así as rioxanas viñéronse arriba, acurtando a diferenza a dez puntos e meténdose de cheo na loita polo encontro.

No entanto as de Julia Pena souberon manter a vantaxe ao seu favor, e a pesar de non despregar o seu mellor xogo puxeron terra polo medio no último sexto.

Con esta vitoria finalizan no 9º posto do grupo especial a súa participación nesta XXV edición do Campionato de España.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram