XX Copa Galicia Sénior Feminina: Ensino e Feel Cortegada, finalistas

Durán Maquinaria Ensino e Feel Cortegada venceron nas súas respectivas semifinais desta tarde, obtendo a posibilidade de facerse mañá, sábado (19.00 h – Pavillón de Esteiro.Ferrol), coa XX edición da Copa Galicia Sénior Feminina.

13/10/2012 – Semifinais – Pavillón de Esteiro (Ferrol)

(18.30 h) Durán Maquinaria Ensino – Real Club Celta Baloncesto
(26 – 13, 12 – 17, 17 – 7, 23 – 16) (78 – 53)

Ensino e Celta foron os encargados de abrir fogo na fase final da XX Copa Galicia Sénior Feminina. Lucenses e viguesas afrontaron un duelo no que o equipo de Javi Muñoz amosou certo grao maior de solvencia para buscar un resultado positivo.

Tras un primeiro cuarto de lixeira superioridade lucense, os segundos dez minutos foron para un Celta algo máis activo en defensa e que sacou renda do bo traballo das súas xogadoras de perímetro. Así, o camiño aos vestiarios chegaba cun 38 – 30 no electrónico, a priori, aínda factible para as opcións celestes.

Pero na reanudación, Ensino empezaba a encarrilar, por completo, o pase á final. O seu potente xogo interior, e as súas vantaxes físicas sobre as xogadoras de Colinas axudaron a que fose seu o control decisivo do encontro.

O conxunto lucense, que xa derrotara a Celta nun amigable disputado o pasado día 4 de outubro, refrendaba nesta semifinal unha nova vitoria, certificada con claridade no derradeiro cuarto.

(Árbitros: Adrián Gallego/Luis Estévez)

(20. 30 h) Feel Cortegada – Universitario Ferrol
(21 – 16, 18 – 12, 19 – 25, 21 – 10) (79 – 63)

(Árbitros: José A. Godoy /Diego Domínguez)

Ambos equipos amosaron dende o inicio que non estaban dispostos a desperdiciar a oportunidade de plantarse na final. As diferenzas entre ambos non resultaban moi grandes pero semellaba dende o inicio que o equipo de Vilagarcía tiña máis capacidade para controlar o partido.

Esta foi a tónica que dominou os segundos dez minutos, cos dous bloques tenteándose e con Universitario intentando recortar o máis posible as mínimas diferenzas no marcador de Cortegada, que se mantiña por diante.

Así, ao regreso dos vestiarios, o anfitrión e organizador deste copa apertou o acelerador e foi quen de materializar un parcial de 9 – 0 sobre o cadro de José Jesús Vázquez. Situación que incrementaba a incertidume sobre o desenlace final do encontro e que situaba de novo a Universitario na loita.

Pero o cuarto final rompeu coas opcións departamentais. Cortegada aguantou ben dende a defensa e foi acumulando unha vantaxe que roldaba os 14 puntos a falta de cinco minutos e que, a partir de aí, soubo xestionar sen apuros ata o remate da semifinal.

Estatística Final: Durán Maquinaria Ensino – Real Club Celta Baloncesto
Estatística Final: Feel Cortegada – Universitario Ferrol

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram