A Federación Galega de Baloncesto celebrou este martes, 20 de xaneiro; a súa primeira reunión común de Xunta Directiva e Comisión Delegada tras o renovado mandato do Presidente FGB, Francisco Martín.
Reunidos ambos grupos directivos en Santiago de Compostela, na sede central da propia Federación, puxeron sobre a mesa as principais preocupacións que protagonizan a actualidade neste ecuador da temporada.
A baza da comunicación
A principal inquedanza trasladada por Paco Martín ao seu equipo directivo e Comisión Delegada foi a de emprender o novo e ampliado vínculo de comunicación directa cos clubs das sete delegacións zonais.
A presenza nesta xuntanza de Xosé M. Castelao, Alejandro Alcalde e José Luis Pérez, novos baluartes escollidos pola FGB para intensificar esta tarefa, puxo sobre a mesa as primeiras accións a realizar neste senso.
Rendemento Baloncesto Base
A segunda temática que predominou nesta reunión oficial veu da man da inquedanza pola situación do baloncesto base masculino galego nos últimos anos. Os resultados colleitados polos nosos equipos e a súa progresión técnica, tanto a nivel de Clubs como de Seleccións Autonómicas, foron obxecto de debate para todos os presentes.
Este aspecto deportivo, xunto á presentación de futuros proxectos para esta mesma temporada deportiva, canalizaron as intervencións que pecharon a convocatoria.