Fexdega será o escenario este fin de semana da XII edición do Memorial Miguel Anxo González que organiza o Cortegada Liceo BBC. Os responsables do club, acompañados polo alcalde Tomás Fole, explicaron onte na presentación no Concello os detalles do campionato, cuxa novidade é a participación de equipos masculinos por primeira vez. Tras once edicións de torneo infantil feminino baixo a tutela do AD Cortegada, a fusión entre entidades motiva que se sumen agora tamén equipos masculinos.
Serán 23 as formacións chegadas desde diferentes puntos de Galicia, ás que hai que sumarlle o conxunto canario do CB Sabor Guacimeta de Lanzarote. En total, preto de 260 xogadores. “No futuro temos que cambiar as datas porque moitos equipos de fóra non poden vir” explicou Jose Gorgoso. Os anfitrións serán o Grupo Junquera CLB, o Pastelerías Yoli CLB, o Sigaltec CLB C e o Sigaltec CLB L.
O torneo desenvolverase en catro canchas regulamentarias en Fexdega e contará con diferentes concursos. Todos os participantes asistirán o sábado ao duelo da LF2 que mide ao Portomar Cortegada e o ADB Araski AES de Álava, a partir das 20 horas en Fontecarmoa. No descanso levarase a cabo o concurso de tiro, mentres que o Two Ball será o domingo antes das finais. Son 74 partidos de basket en tres días. Arrinca o venres ás 16.30 horas e as finais o domingo están programadas para as 13.15.
Tanto os 12 equipos masculinos como os femininos divídense en dous grupos de 6 que xogan unha liguiña. A clasificación final determínanse con partidos finais entre os clasificados nas mesmas posicións de cada grupo.