X Día Autonómico do Minibasquet 2013

Preparada xa unha nova edición do “Día Autonómico do Minibasquet”, fixado este ano para o vindeiro oito de xuño, empregando de novo como sede o Pavillón santiagués do Multiusos Fontes do Sar.

Nesta X edición repetirán como patrocinadores desta iniciativa: Concello de Santiago, Coca Cola, Blu:sens, Multiusos Fontes do Sar e McDonald´s, entre outros. Igualmente, sumaranse de novo a esta festa o Grupo Scout Chan, 061, Cruz Vermella e Protección Civil.

O Grupo Correo Gallego presentou esta mañá o “X Día Autonómico do Minibásquet”, iniciativa que converterá a Compostela, o próximo sábado, 8 de xuño; no epicentro do Minibasket Galego.

A presentación oficial desta nova edición contou coa presenza do subdirector do Grupo Correo Gallego, Víctor Tobío; o Concelleiro de Deportes de Santiago, Adrián Varela; e Francisco Martín, presidente da Federación Galega de Baloncesto, entidade que colaborará na actividade coa participación de 30 colexiados en un bo número de colaboradores.

Abriu esta posta de longo o Subdirector do Grupo Correo Gallego, Victor Tobío; recoñecendo o apoio das institucións, tanto públicas como privadas, como unha axuda indispensable en “tempos pouco doados para a organización dun evento destas características”.

Proseguiu o mandatario FGB, Francisco Martín; agradecendo ao Concello e ao propio Grupo Correo Gallego o seu compromiso incondicional con esta cita a celebrar nunha cidade que neste intre dispón dun “gran referente”, o Obradoiro CAB, que pode servir de
aliciente para que os rapaces se animen a desfrutar co baloncesto.

Pechou a rolda de intervencións o Concelleiro de Deportes de Compostela, Adrián Varela; salientando a importancia e o valor de ter chegado ata unha “décima edición”, e “manter un evento como este durante tanto tempo dentro do contexto económico no que nos movemos”.

A X edición en cifras
O “X Día Autonómico do Minibasquet” xuntará a un total de 98 equipos que darán vida a 104 encontros repartidos entre as categorías Mini e Premini. A maioría deles chegarán en 22 autobuses dende municipios tan dispares como Burela, Xinzo, As Pontes, Carballo, Salceda de Caselas ou Barco del Valdeorras, entre outros. Os restantes equipos pertencen a Santiago e Comarca.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram