Visto bo ao Campionato de España de Clubs Infantil Feminino

(Foto: Concello de Pontevedra)

(Foto: Concello de Pontevedra)

A cidade de Pontevedra comeza a conta atrás para a organización desta cita, que terá lugar entre os días 15 e 21 do vindeiro mes de xuño.

O Comité Técnico da Federación Española de Baloncesto, acompañado por responsables directos da FGB, pasou revista esta mañá de luns ás instalacións que acollerán esta cita e mantivo unha entrevista co concelleiro de Deportes pontevedrés, Agustín Fernández.

A comitiva federativa estivo composta por Alberto Gómez e David Aurich, directivo e responsable de eventos, respectivamente, da Federación Española; e pola Secretaria Xeral da Federación Galega de Baloncesto, Susana Fernández. Sumáronse tamén Mayte Fernández e Cuco Rodríguez, directores deportivos do C.B. Arxil e Estudiantes de Pontevedra, clubs locais involucrados activamente na organización.

Os representantes FEB e FGB visitaron as instalacións nas que se repartirá o xogo do Campionato de España, enmarcadas estas entre o Pavillón Municipal (que será sede única na fase final) e os pavillóns universitario e do Centro Galego de Tecnificación Deportiva). En torno aos mesmos concentraranse un total de 32 equipos de toda España, configurando un conxunto de ata 2.000 persoas (entre xogadoras, corpos técnicos, federativos, árbitros e familiares) que pasarán por Pontevedra durante a semana de Competición.

Agustín Fernández subliñou que o comité técnico non só revisou os pavillóns, senón tamén cuestións loxísticas e de aloxamento. O edil agradeceu a confianza depositada en Pontevedra, que este ano organiza 14 eventos deportivos de rango nacional, sendo o Campionato de Baloncesto Infantil Feminino un dos que maior repercusión socioeconómica vai ter polo volume de xente que mobiliza.

O responsable municipal amosouse especialmente satisfeito de que se trate dunha competición feminina (a única do calendario anual de grandes eventos deportivos) porque, subliñou, o Concello debe facer esforzos a prol do deporte feminino.

Alberto Gómez, en nome da FEB; lembrou que non é a primeira vez que este Federación concede unha competición nacional a Pontevedra, aínda que os precedentes foron con sedes compartidas. Declarou que están encantados e moi tranquilos, dada a capacidade organizativa desta cidade.

A Secretaria Xeral FGB, Susana Fernández; compartiu a seguridade de que todo sairá ben e amosou a súa confianza e desexo de que algún equipo galego poida chegar, cando menos, ás semifinais deste evento que será, sen dúbida, especial para todos.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram