VIII Semana de Adestramentos AEEB con Moncho Fernández

Unha nova tempada en liza e como cada curso desde os últimos oito, a Asociación Española de Adestradores de Baloncesto pon en marcha a “Semana de Adestramentos ACB” , unha actividade xa clásica que, xunto cos clubs desta categoría, permite gozar aos que o desexen dunha experiencia única de aprendizaxe, asistindo ao programa de adestramentos da máxima competición do baloncesto do noso país.

Trátase dunha excelente oportunidade para coñecer e vivir en primeira persoa os actuais enfoques de adestramento, e igualmente, para intercambiar experiencias cos outros alumnos que tamén participen na Semana de Adestramentos.

Obradoiro CAB e o seu técnico, Moncho Fernández, son os protagonistas no caso galego, abrindo as portas da súa dinámica e método de traballo durante a semana do 11 ao 17 de febreiro, datas, estas últimas, nas que o equipo da capital galega preparará o seu duelo ante Caja Laboral.

Inscrición
Todos os interesados en participar nesta semana ACB xunto ao equipo galego tan só deben acceder ao formulario de inscrición presente na web da AEEB (http://www.aeeb.es/) e tramitar o proceso. Se existise algunha dúbida ou se desexase ampliar información, pódese contactar a través do mail aeeb@aeeb.es.

Remarcar, no caso de participar, a obrigatoriedade de acudir a todas as sesións teóricas que se desenvolvan durante a semana ACB. As sesión físicas, pola súa banda, serán de asistencia voluntaria.

Ao remate global da experiencia elaborarase un traballo conxunto do grupo de participantes, que será de obrigada entrega e cuxo guión facilitará a propia AEEB. Este materializarase a modo de resumo do traballo de toda a semana. Posteriormente, un certificado de asistencia que recibirán os alumnos porá o broche á actividade.

VIII Semana de Adestramentos AEEB

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram