Os próximos días 27, 28 e 29 de decembro o Club Baloncesto Baiona, conxuntamente co Concello de Baiona, organizan unha nova edición deste Torneo Internacional de Minibasket que desde o ano 2011, e por motivos da obra de ampliación do pavillón, non se realizaba.
(Info: Deportes Baiona)Son moitas as ganas de volver presentar ás mellores escolas nacionais de Baloncesto en Baiona e actualmente dende o Club Baloncesto Baiona e o Concello desta vila estase a preparar o cartel de equipos invitados para reunir no Pavillón Municipal aos mellores equipos posibles e poder comprobar, desde moi preto, as evolucións dos futuros xogadores de Baloncesto de Galicia.
Esta sétima edición organízase cun total de 24 equipos, 12 en categoría masculina e 12 en categoría feminina polo que se concentrarán un total de 360 participantes e máis de 80 voluntarios do propio Club Baloncesto Baiona, os que garantirán, ao longo da última fin de semana de decembro, moita diversión e espectáculo.
O sistema de competición definirase do seguinte xeito:
27 de decembro: torneos de tiro, habilidade e presentación de padrinos deportivos.
28 de decembro: fase clasificatoria.
29 de decembro: fase Play off.
Club e Concello traballan xa e agradecen dende o inicio a colaboración das institucións implicadas; Xunta de Galicia, Diputación de Pontevedra, Federación Galega de Baloncesto e patrocinadores (Coca Cola, NGB, Gadisa e Torvigo). O apoio de todas estas entidades, en conxunto, axudará a para facer realidade a VII edición deste Torneo Internacional de Minibasket.