Vigo agarda xa ao II Carrusel Benéfico #creemosenellas

– O vindeiro 30 de decembro a cidade olívica vestirase de Baloncesto e Solidariedade grazas á celebración deste II Carrusel, no que participarán o primeiro plantel do Real Club Celta de Fútbol e as xogadoras do Celta Selmark.

– Celta Baloncesto, en colaboración con Real Club Celta de Vigo, Federación Galega de Baloncesto e “la Caixa” promoven no marco desta actividade unha RECOLLEITA SOLIDARIA DE ALIMENTOS na que traballará, activamente, a Asociación de Voluntarios de “la Caixa”.

Celta Baloncesto organiza o vindeiro luns, 30 de decembro, no Pavillón As Travesas, o II Carrusel Benéfico “#Creemos en ellas”. Cun marcado carácter lúdico e solidario, este evento chega cargado de actividades para toda a familia, albergando como punto forte (21.00 h) un encontro de baloncesto coa participación de futbolistas do primeiro equipo do Real Club Celta e o equipo sénior do Celta Selmark Baloncesto.

Un Torneo “Baby Basket” (16.30 h), exhibicións de patinaxe artístico (18.00 h) e ximnasia (20.00 h), unha homenaxe á muller deportista (20.30 h) e un atractivo e divertido enfrontamento na cancha de Basket entre xornalistas deportivos da cidade e técnicos do propio Celta de Fútbol e Baloncesto (18.45 h) completan o programa previsto.

Todo isto poderase gozar por un simbólico prezo de 4 euros para os adultos e de dous euros para os máis pequenos, os menores de 12 anos.

Solidariedade da man de “la Caixa”
Este II Carrusel servirá ademais de plataforma perfecta para apelar á solidariedade de todos os vigueses e galegos que desexen achegarse a gozar do mesmo. Para eles, abrirase a oportunidade de participar na Recolleita Solidaria de Alimentos encabezada por “la Caixa”, e a súa asociación de Voluntarios, en directa colaboración coa Federación Galega de Baloncesto e o propio Celta Baloncesto.

Todos os asistentes a este II Carrusel poderán ser parte importante, a través das súas doazóns, da indicada Recolleita de Alimentos, unha acción que terá lugar no Propio Pavillón das Travesas e á que se espera que respondan positivamente todos os afeccionados ao deporte olívico.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram