Regresa a Aula Formativa do Adestrador con nova e interesante convocatoria formativa para os adestradores galegos e gracias, neste caso, á colaboración do C.B. Arxil.
A iniciativa didáctica que a FGB pon ao alcance dos técnicos de toda a Comunidade para que amplíen as súas vías formativas chegará a Pontevedra (Instalación Deportiva Príncipe Felipe) o vindeiro domingo, oito de febreiro (17:30 h); cunha renovada sesión que correrá a cargo do adestrador axudante do Río Natura Monbus Obradoiro, Víctor Pérez.
O compostelán impartirá unha charla cuxa temática afondará no “traballo específico con xogadores interiores”, cuestión que se porá sobre a mesa para, gracias á súa experiencia, servir de aprendizaxe a todos os participantes.
Inscrición
Os interesados en aproveitar esta ocasión de ampliar, de balde, a súa bagaxe didáctica deben notificalo previamente mediante o envío dun email a adestradores@fegaba.com, indicando nome, apelidos e título referencia da charla.
Así mesmo, no caso de que os adestradores participantes sexan alumnos dos Cursos FGB poderán validar a súa asistencia por catro horas de formación individual complementaria.