“V TROFEO FEMININO DAS NACIÓNS”: Galicia abre xogo con vitoria ante Euskadi

19/05/2012
Venres, 18/05/12

(20.00 h) Euskadi – Galicia (51 – 62)

(15 – 25, 17- 10, 8-15, 11-12) (Colexiados: Daniel Pazos e Saray Fornos)

As xogadoras ás ordes de Carlos Colinas acometeron o inicio do encontro ben centradas na posición defensiva. A súa capacidade para enlazar en ataque, entre todas, canastras sinxelas, determinou unha vantaxe que xa dende este punto do partido tería marcada cor galega. Con 10 puntos arriba dábase paso ao segundo cuarto.

Nos seguintes dez minutos, Euskadi apertou a súa maquinaria e dende unha crecente intensidade en defensa poñía en apuros ao quinteto galego. A arma vasca era a presión a toda pista, a través da que conseguía recuperar balóns de xeito cómodo. O parcial deste cuarto (17 – 10), a favor das de Mario López, era síntoma evidente da súa mellora.

Neste escenario, unha impecable tripla anotada por Tamara Abalde daba paso ao tempo de descanso e deixaba aberto (32 – 35) o desenlace deste primeiro encontro do “V Trofeo Feminino das Nacións”.

Á volta de vestiarios a dinámica en pista moveuse en termos de igualdade, conservando sempre Galicia o seu dominio no electrónico. O seu bo facer colectivo freou o avance rival e permitiulles asinar un parcial de 0 – 10 crucial nesta altura do encontro. A súa marxe no marcador mantíñase sempre en torno aos dez puntos, diferenza que ao remate do cuarto rubricaba María González Centeno con outra tripla. (40 – 50)

No tempo definitivo Euskadi non baixou os brazos, pero Galicia non fallaba na súa cita coa intensidade defensiva e, así, facía valer a súa vantaxe. Co asubío final, e tras deixar un bo sabor de boca entre o numeroso público presente no Pavillón Alonso Rodríguez, as galegas selaban a súa primeira vitoria neste V Torneo (51 – 62).

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram