– O club da cidade departamental repite un ano máis, o terceiro de xeito consecutivo, como organizador desta competición.
– O pavillón Municipal de Esteiro acollerá os encontros de semifinais e final da mesma, marcados para os día 12 e 13 de outubro, respectivamente.
A Federación Galega de Baloncesto comunica que confía a Universitario Ferrol a organización da Fase Final da XX Copa Galicia Sénior Feminina, evento para o cal o apoio do Concello de Ferrol e do seu Patronato de Deportes será de vital importancia.
O club ferrolán, que unha temporada máis estará presente en Liga Feminina 2, repite por terceiro ano consecutivo a responsabilidade de celebrar na súa casa, no Pavillón Municipal de Esteiro, a recta final da Copa Galicia en categoría Sénior Feminina.
Será os vindeiros 12 e 13 de outubro cando se celebre esta cita. As semifinais na xornada festiva do venres 12, ás 18.30 h e 20.30 h. E o encontro decisivo, en horario de tarde (19.00 h), ocupará a atención deportiva durante o sábado 13.
Fase previa
Os seis equipos galegos de máxima categoría sénior feminina, militando todos na Liga Feminina 2 nesta 2012 – 2013, serán os que darán vida á vinte edición desta Copa Galicia, buscando todos nunha atractiva fase previa facer méritos e obter unha das catro prazas semifinalistas na quenda final de Ferrol.
Grupo A: Porta XI Ensino, Universitario de Ferrol e Pabellón Ourense.
Grupo B: C.D. Bosco, C.B. Arxil e A.D. Cortegada.