Última xornada para Galicia nos Campionatos de España: Resultados


INFANTIL FEMININO – Fase de Cruces (5º – 6º posto)

(12.00 h) (C.D. Santi Petri)
Galicia – Canarias (42 – 38)

Non empezaba ben a mañá para as pupilas de Armando Otero, pois a zona suscitada polo equipo canario e o desacerto
no tiro exterior convertían o primeiro cuarto nun escaso 5-8 no luminoso. O único positivo, as 3 faltas cometidas pola mellor xogadora rival, Aissatou Drame.

As cousas non variaron moito durante o segundo período. O cansazo acumulado tras catro intensos días de competición empezaba a pasar auténtica factura. Os fallos en ataque multiplicábanse e non facían que mellorase as situación. Ao
contrario, varios erros nos pases provocaron que Canarias encarase o tempo de descanso cunha cómoda vantaxe de 7 puntos.

A visita aos vestiarios conseguiu cambiar lixeiramente o panorama. Malia que non era o día das galegas en ataque, a súa defensa, salvo algúns despistes, tornouse máis intensa, dominando o rebote e aplicando agresividade no 1×1. Aos poucos fóronse recortando diferenzas e, a falta de 1 minuto para finalizar este cuarto, Canarias perdía a un dos seus referentes, Aissatou Drame, con cinco persoais.

Quedaban xa tan só dez minutos e as galegas, sabedoras de que estaba en xogo un desexado quinto posto, puxéronse as pilas e foron recuperando o terreo ata empatar o partido.

As canarias, sen Drame, empezaban a fraquear en ataque e tiro exterior. Pola contra, as de Armando Otero tiraron de oficio ata colocarse por diante, primeiro a base de tiros libres e, despois, aliadas coa fortuna, cunha tripla que lles daba sete puntos de diferenza a falta de 30″. A Canarias só lle restaba tempo para maquillar o tenteo final cunha tripla.

INFANTIL MASCULINO – Fase de cruces (9 º – 10º posto)

(10.00 h) (Chiclana 1)
Galicia – Aragón (65 – 51)

No último partido, na loita polo noveno posto, esperaba a selección de Aragón, que ao igual que a nosa, contaba con cero vitorias na fase de grupos.O partido empezou con moitos erros de cara ao aro por parte dos dous conxuntos, pero pasado o ecuador do primeiro, e tras un tempo morto, os nosos lograron un parcial de 6-0 e boas defensas, o que ocasionou que a selección aragonesa rematase o primeiro cuarto 6 abaixo e cun pobre dez por cento en tiros de campo.

Xa no segundo período os nosos empezaron máis irregulares a pesar de manter a súa renda de 6 puntos. Pero un mal final de cuarto, no que se perderon moitos balóns, fixo que a marcha ao descanso fóra de 20-19 para Galicia.

Un cambio de actitude galega foi o punto de inflexión tras o descanso. Os nosos amosáronse máis activos en defensa e
buscando rápidas transicións en campo ofensivo con acerto de cara o aro. O labor no rebote tamén foi encomiable, destacando o papel de Martín Torres (18 en totall). Todo isto provocaba unha superioridade que se reflectía no luminoso e permitía entrar no último cuarto cunha cómoda vantaxe de 13 puntos.

Esta diferenza sería insalvable para a Selección de Aragón, que buscou, sen fortuna, recortar distancias. Ao final, primeira vitoria da selección infantil masculina, e noveno posto global no campionato.

XXVI Campionato de España de Seleccións Minibasket – 26/03/13

MINIBASKET MASCULINO

(11.30 h) (Parque 2)
Melilla – Galicia (40 – 81)

Último partido da nosa selección mini masculina contra un rival, sobre o papel, inferior. Os xogadores galegos comezaron o partido cun nivel de intensidade baixo, recordando os seus malos inicios neste campionato. Pero a despedida galega de San Fernando no podía deixar mal sabor de boca e tocou activarse para sacar rendemento.

Houbo que chegar ao terceiro e cuarto período para detectar melloría no xogo galego. Un tempo morto, solicitado por Paula Couto, e unha boa defensa presionante foron a clave para a reacción. A partir de aquí o encontro xa non tivo maior historia, aumentándose as diferenzas no marcador ata o contundente 40-81 final.

MINIBASKET FEMININO

(17.30 h) (Parque 2)
Galicia – La Rioja (81 – 43)

Sabendo que o cansazo estaba presente, Galicia comezou un partido que, a priori, podía complicarse, pero non foi así. As nosas mozas, aos poucos e con moita cabeza, foron incrementando vantaxe sexto a sexto para sumar a súa última vitoria e conseguir un pleno no Campionato ao que nada máis se lle pode pedir.

Os dous primeiros sextos resultaron igualados, os tanteos así o indicaban e, desde aí, o equipo de Nacho Silva podía xogar moito máis tranquilo. O importante deste inicio resultou a defensa, con moitos roubos e poucas perdas.

O terceiro e cuarto sexto foron os máis frouxos, demasiados despistes, baixada de ritmo e tomas de decisións equivocadas. Era o momento de volver ao bo xogo, xa que as rivais achegábanse na o marcador e non se debía ceder terreo.

Nos últimos sextos retornou a normalidade e o partido encamiñouse de xeito definitivo cara á vitoria. Mostra diso foi o tenteo, similar ao primeiro e segundo cuarto. Nesta ocasión era o último esforzo e a complicidade entre as nosas nenas volveu dominar sen paliativos.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram