Torneos Seleccións Infantís en Madrid: boas sensacións e máis traballo

As Preseleccións Galegas Infantís competiron esta fin de semana (sábado 1 e domingo 2 de marzo) en Madrid en sendos torneos amigables, boa proba de nivel e esforzo de cara a súa futura presencia no Campionato de España da categoría, marcado para abril.

Ante os mesmos rivais en ambos casos, e amosando o mellor de si, a cita madrileña permitiunos reseñar estes detalles dos seus enfrontamentos: 

Preselección Galega INFANTIL FEMININA – Torneo Torrelodones (Madrid)

Galicia3

01/03/14
(20:15 h) GALICIA – PAÍS VASCO (62 – 55)
Non empezaron ben as cousas para as galegas, moi imprecisas nos primeiros minutos, perdendo balóns e atacando con pouca claridade, o que lle permitiu ás vascas coller unha primeira vantaxe de 2-10 nos primeiros minutos. Unha vez acougados os nervios, e con mais tranquilidade no ataque, recortaron distancias para acabar o cuarto a tan só un punto (14-15)

Non melloraron as cousas nos segundos 10 minutos. As imprecisións e a dureza coa que se empregaron as vascas durante todo o partido non permitiu que as nosas estivesen cómodas e fixo que se fosen ao descanso cunha desvantaxe de tan só 4 puntos que era moi curta en función do peor xogo galego (25-29)

As locais recargaron as pilas no terceiro cuarto, moito máis centradas tanto en ataque como en defensa, o que permitía darlle a volta ao marcador. Foi o mellor cuarto con moita diferenza, conseguindo pechar ben o rebote e anotar con facilidade grazas aos roubos de balón e contraataques. Escapábanse no marcador cunha lixeira vantaxe (47-39).

Restaban 10 minutos e as forzas dos dous equipos parecían poucas, sobre todo nas galegas que volveron a sufrir e perder balóns na presión. Así, chegábase aos últimos minutos co marcador igualado. Pero, as pupilas de Armando Otero tiñan aínda algo que dicir e sacárono no momento axeitado, ante a desesperación das vascas que vían como se lles escapaba o partido. (62-55)

02/03/14
(11:15 h) GALICIA – CASTILLA LEÓN (70 – 73)

Gran partido o disputado por ambos equipos. Moita intensidade durante os 40 minutos e definición, por pequenos detalles, para o bando leonés.

Saíron moi concentradas e intensas as galegas durante o primeiro cuarto, con grandes defensas e numerosas recuperacións de balón. Anotaban con facilidade e escapábanse no marcador ao final do mesmo (22-10).

Xa no segundo cuarto, as leonesas reaccionaron e recortaron diferencias mercé á súa clara superioridade no xogo interior, con tres xogadoras por encima do 1’80. Aínda así, as galegas non se puxeron nerviosas e chegaron con vantaxe ao descanso (38-34).

Á volta dos vestiarios, e durante case todo o cuarto, a igualdade no marcador con alternancia de canastras foi constante e camiñábase ao final do mesmo cun resultado case igualado (49-51)

Quedaban 10 minutos dun partido intenso e vibrante que se podía decantar a favor de calquera dos dous equipos grazas a defensas moi agresivas e aos detalles de calidade nos ataques de ambos equipos.

As galegas, quizais no momento menos oportuno, concederon moitas segundas opcións por non pechar o rebote. Aínda así, tiveron as súas opcións, pero dúas perdas de balón nos últimos intres impedíanlle loitar pola vitoria ou forzar a prórroga.

(18:15 h) MADRID – GALICIA (63 – 49)
Mal partido en liñas xerais, marcado polo cansazo, cuestión que pasou factura. O primeiro cuarto resultou igualado, con momentos moi bos das galegas que chegaron a ter unha máxima diferenza de 7 puntos, a cal se viu recortada por varios erros consecutivos xusto ao final do cuarto (12-14).

A partir de aí comezou o baixón físico, sen intensidade en defensa e con poucas ideas en ataque, permitiámoslle canastras claras ao rival. A situación ao descanso non era a mellor (25-20).

Malia que ao comezo do terceiro cuarto vislumbrouse unha pequena reacción, o estado físico xa non era o máis óptimo e isto notábase. As madrileñas conseguían anotar con demasiada facilidade e as galegas, sumando baixas por golpes, semellaban non ter “pernas” para reaccionar (35-46)

O derradeiro cuarto foi un querer e non poder. As nosas eliminaron distancias en determinados intres e intentárono ata o ultimo minuto pero non puido ser (63-49). Derrota xusta que servirá para aprender e mellorar moitos aspectos.

 

Preselección Galega INFANTIL MASCULINA – Torneo Moralzarzal (Madrid)

Galicia1

01/03/14
(20:00 h) GALICIA – PAÍS VASCO (54 – 60)

Comezou o primeiro cuarto cun intercambio de canastras por parte dos dous equipos. Galicia quería mandar, pero Euskadi reaccionaba a cada golpe dos nosos, marchándose dous arriba ao final do cuarto (12-14).

Os segundos dez minutos foron bastante negativos para os galegos no tiro exterior. A zona vasca atragantábase e os tiros precipitados e as perdas de balón propiciaban os puntos sinxelos dun rival que lograba escaparse doce puntos arriba ao descanso (25-37).

Malia que o terceiro período comezou cun par de canastras galegas, os vascos fóronse asentando aos poucos. Dominando o rebote e con acerto exterior materializaban a máxima vantaxe do partido (33-53).

O último período serviu para que os nosos non lle perdesen a cara ao partido, colocándose a 12 a falla de tres minutos para o asubío final. Pese a isto, País Vasco tiña o partido controlado e, cun intercambio de canastras definitivo, fixeron seu o marcador e o encontro (54-60). O irregular segundo cuarto e a falla de acerto exterior levou a Galicia á derrota.

02/03/14
(11:15 h) GALICIA – CASTILLA LEÓN (62 – 79)
O primeiro cuarto comezou cos dous equipos asentándose na pista de xogo e con intercambios de canastras que deixaban o electrónico dous puntos abaixo neste envite inicial (14-16).

O segundo período comezou cun breve arreón dos visitantes que os poñía 8 arriba a falta de 5 minutos. O bo traballo defensivo dos nosos minimizaba esa diferenza ata os 3 puntos, pero, do mesmo xeito que no partido do sábado ante País Vasco, as continuas perdas de balón e os posteriores contraataques visitantes debuxaban un 30-39 ao descanso.

O terceiro cuarto comezou con boas intencións dos nosos, que grazas a dous roubos de balón nas dúas primeiras posesións dos castelán leoneses, lograban situarse a cinco. O tramo final traduciuse nun caos organizativo, con continuas perdas e imprecisións en ambos bandos, levando o marcador ao 50-55.

Neste último cuarto, o bo facer visitante, con moitísimo acerto no tiro exterior, unido ao baixón de actividade defensiva galega, facían que o marcador se disparase ata o definitivo 62-79.

(18:15 h) MADRID – GALICIA (82 – 66)
Galicia afrontaba o partido contra o rival máis forte do torneo con boas sensacións logo de ver a progresión do equipo durante os dous partidos previos.

No inicio do encontro, a superioridade física dos madrileños fíxose notar e adquiriron unha vantaxe de 7 puntos (13-6) á altura do ecuador deste cuaro. Pese a esta desvantaxe física, os nosos non se amedrentaron e, cun parcial 2-6, colocábanse a dous puntos. Un último arreón dos locais deixaba o marcador parcial en 21-15.

O segundo período foi o do desorde galego, cos xogadores máis descentrados que no cuarto anterior e con continuas perdas ben aproveitadas polos locais, os cales lograban anotar multitude de contraataques. Nesta liña, ao descanso, o electrónico lucía un 50-33 (máxima diferenza da primeira parte).

Comezaba a segunda parte cos nosos máis enchufados defensivamente e con máis ansias de rebote en ambos aros, circunstancia que nos penalizou durante o primeiro tempo. Cun xogo ofensivo máis fluído e coa vista posta en mellorar, logramos empatar este cuarto (16-16) 66-49.

Os minutos decisivos serviron para que Galicia non baixase os brazos e seguise apertando ata o final. Con máis acerto no tiro exterior e coa efectividade desexada no rebote, logramos gañar este último parcial (17-17) pechando o marcador co resxitro 82-66.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram