Todo preparado para o 3on3 Carneiro ó Espeto, con Nacho Martín como padrino estelar

A décimo terceira edición do 3on3 Carneiro ó Espeto, que terá lugar este venres, 26 de xullo, celebrou o martes desta mesma semana unha presentación ao grande na que non faltaron as sorpresas e que augurou que esta festa xa tradicional do noso baloncesto será todo un éxito.

A presentación do XIII 3on3 Carneiro ó Espeto, celebrada este martes, 23 de xullo, será recordada como un dos momentos máis importantes da historia de A.D.C. Espeto. A asociación organizadora do 3on3 Carneiro ó Espeto terá o privilexio de contar cun padriño de excepción: Nacho Martín. O xogador máis valorado da Liga Endesa e premio Actitude Azul gañouse a todos os presentes coa súa proximidade e simpatía asinando autógrafos e fotografándose sen parar.

O acto contou con Terio Carreira, coñecido xornalista, como mestre de cerimonias e coa presenza da alcaldesa de Moraña, María Luisa Piñeiro; de José Luís Renda representado á Federación Galega de Baloncesto e de Saúl Ares, organizador do evento. Completaron o aforo dun abarrotado salón de actos os diferentes representantes das entidades colaboradoras, amigos, e moitos afeccionados ao baloncesto, procedentes de todas a xeografía galega.

Tras unha benvida e a emisión dun vídeo coas mellores imaxes do torneo, Terio Carreira charlou con varios dos invitados: en primeiro lugar Saúl Ares analizou o pasado, presente e futuro do evento e adiantou que a próxima edición ampliarase a dous días de duración; posteriormente José Luís Renda incidiu na dimensión que cobrou o evento ao longo dos anos e o compromiso da federación autonómica coa modalidade do 3×3.

O momento máis esperado chegou coa subida de Nacho Martín ao set creado para a ocasión. O valisoletano mostrouse moi cómodo en todo momento e compartiu anécdotas co xornalista galego. Iso si, Nacho Martín non quixo dar pistas sobre o seu futuro e amosouse moi ilusionado coa chamada da selección española.

Con respecto á súa presenza en Moraña, Nacho Martín afirmou que estaba en Moraña porque sempre goza co baloncesto e por iso se implica nos proxectos dos seus amigos e nesta ocasión “non foi difícil dicir que si xa que Saúl é o meu amigo e oíra falar do torneo malia non poder xogalo; quen sabe, quizais o ano próximo si poida”.Nesta parte da presentación a organización sorprendeu a Nacho Martín coa presenza dun dos seus profesores na súa etapa escolar en Santiago de Compostela. Esta sorpresa deu paso a unha quenda de agasallos de parte do grupo de entidades colaboradoras, organización e o propio Concello.

Pechou o acto María Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña quen reafirmou o compromiso do Concello co torneo e agradeceu a Nacho Martín a súa presenza en Moraña ademais de invitar a todos os presentes a gozar do Carneiro ó Espeto, unha festa gastronómica que está dentro das denominadas de interese turístico autonómico.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram