A Escola de Basket Xiria reforza o carácter lúdico da xornada do 17 de maio cun gran parque de atraccións aberto aos nenos a toda a comarca.
O Día do Pequebasket 2014 supera xa todas as expectativas, posto que un total de 47 equipos confirmaron a súa participación na xornada lúdica e deportiva organizada pola Escola de Basket Xiria para o 17 de maio. O Día das Letras Galegas reunirá en Carballo a preto de 500 nenos de toda Galicia e a outras tantas familias, co que se convertirá nun dos eventos de referencia da xornada en toda a comunidade autónoma grazas á colaboración do Concello de Carballo, a Deputación Provincial da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto.
Despois do éxito da primeira edición, na que participaron 29 equipos galegos, a Escola de Basket Xiria marcábase como obxectivo para este ano chegar aos 42. Esa cifra xa está amplamente rebasada, o que obrigará ao equipo organizador a reorganizar o espazo para dar cabida a todas as actividades e a todos os participantes. O Día do Pequebasket, cunha imaxe totalmente renovada, forma parte do calendario de actividades da Federación Galega de Baloncesto para o programa “Galicia 2014. Imos pola Copa”, e contará coa presenza do ex xogador Fernando Romay, o que supón un atractivo engadido para a iniciativa.
A zona do pavillón Carballo Calero e o colexio Bergantiños transformarase o vindeiro día 17 nun enorme parque de atraccións para nenos, con inchables, xogos tradicionais, un circuíto de karts a pedais e actuacións especialmente pensadas para os participantes no Día do Pequebasket, os seus acompañantes e todos os nenos da comarca que queiran sumarse. As portas estarán abertas dende as 11.00 ata as 19.00 horas, polo que se espera que ao longo do día pasen polas instalacións milleiros de nenos e pais. Para estes últimos, a organización traballa para poder ofrecerlles unha serie de actividades complementarias en colaboración co sector da hostalería.