A “Aula formativa do Adestrador Galego” chega ao mes de marzo coa oferta renovada da súa sexta charla teórico práctica. Nesta ocasión, ao temón estará o técnico Darío Méndez, e a súa será unha intervención incluída no marco da ” I Xornada de Harmonización do Minibasket Galego”.
A “Aula Formativa do Adestrador Galego”, programa didáctico que promoven Federación Galega de Baloncesto e Obradoiro CAB, continúa a propoñer, con forza, interesantes charlas dirixidas a todos os adestradores da nosa Comunidade.
Nesta ocasión, e unindo os seus obxectivos aos da “I Xornada de Harmonización do Minibasket Galego” convoca para o vindeiro 17 de marzo, en Santiago de Compostela (Colexio Manuel Peleteiro) (18.30 h), unha exposición teórica a cargo do adestrador galego Darío Méndez, quen terá así a responsabilidade de pechar o programa da xornada dando protagonismo ao “Un contra Un en Minibasket”.
Participación
A inclusión desta nova “aula formativa” dentro da “I Xornada de Harmonización do Minibasket Galego” abre diferentes vías de inscrición e participación para os interesados en tomar parte. Tres son as opcións que dende a FGB se facilitan:
Asistencia, en exclusiva, a “Aula Formativa: un contra un en Minibasket”
(18.30 h – 20.00 h. Colexio Manuel Peleteiro)
A participación tramitarase a través do correo adestradores@fegaba.com, indicando nome e apelidos e título da charla.
Esta opción é totalmente gratuíta e poderá validarse por tres horas de formación continua.
Asistencia, de xeito completo, a “I Xornada de Harmonización do Minibasket Galego”
(10.00 h – 20.00 h. Colexio Manuel Peleteiro) (Programa de Actividades)
Os interesados en vivir ao completo a “Xornada de Harmonización”, coa aula formativa inclusive, deben tramitar a súa participación a través do correo adestradores@fegaba.com, indicando nome e apelidos e título da xornada.
Neste caso, a FGB e Colexio Manuel Peleteiro ofrecen a posibilidade de xantar nas mesmas instalacións nas que terá lugar a actividade. O prezo desta posibilidade é de 8 euros, a ingresar, de xeito previo, na conta de “la Caixa” 2100 1455 14-0200227406. O xustificante de ingreso deberá constar xunto a solicitude de inscrición vía mail.
Esta opción poderá validarse por 12 horas de formación continua
Asistencia parcial á “I Xornada de Harmonización do Minibasket Galego”
Os interesados en tomar parte da Xornada tan só en horario de mañá, ou en horario de tarde, deben tramitar a súa participación a través do correo adestradores@fegaba.com, indicando, neste caso, nome e apelidos e referenciando a franxa horaria na que estarán presentes.
Esta opción poderá validarse por cinco horas de formación continua.
“Xornada Harmonización Minibasket Galego” – Programa Completo.