Sergio González: “Sería moi reconfortante que este libro axude a algunha familia a animar aos seus fillos a practicar Baloncesto”

Son tempos de recuperar o Basket e de saltar ás pistas de novo. Tempos de reencontrarse con todo o que este deporte ofrece, e sobre todo, con aquilo que os e as que empezan, os xogadores e xogadoras máis novos; descobren cando se achegan a el. Ese todo pode contarse con verbas, e precisamente así o fixo Sergio González.

O Adestrador e actual Director Deportivo do CB Seis do Nadal Coia, trasladou a súas vivencias e aprendizaxe persoal no mundo Baloncesto a un libro que nesta volta a competición é o exemplo perfecto para dar a coñecer porque, cada temporada, o regreso ás canchas paga a pena. Coñezamos pois da man do propio autor o seu proxecto un pouco máis polo miúdo:

– “Unha Vida de Baloncesto” está configurado como unha conversa cos xogadores e xogadoras máis novos que están a empezar a disfrutar do Baloncesto. De onde naceu a idea de emprender esta aventura literaria?

A idea deste libro naceu durante os meses de confinamento despois dalgunha das moitas charlas mantidas entre amigos e coñecidos sobre as experiencias propias vividas grazas ao baloncesto. Así naceu a miña inquedanza de poder ter un libro dirixido ao público máis novo no que poder contar todo o que o baloncesto pode chegar a regalar e a ensinar ao longo dos anos. Busquei unha idea orixinal que non existira e, co apoio total da editorial, comecei a darlle forma a este libro, un libro que está ilustrado páxina tras páxinas por Rebeca Figueirido, xogadora de baloncesto e amiga. O baloncesto é unha excelente oportunidade de medrar como xogador ou adestrador pero tamén como persoa, polo que a través de 27 verbas intento transmitir a oportunidade que teñen todos os novos xogadores e xogadoras de ter unha educación integral grazas ao deporte da canastra.

– 27 letras do abecedario coas súas correspondentes 27 verbas que nos fan viaxar pola túa experiencia ao redor do Baloncesto. Cal ou cales das 27 son máis especiais para ti?

A través das letras do abecedario escollín 27 verbas que fagan entender todo o que o baloncesto me deu desde os seis anos como actividade física, como medio formativo e como forma de vida. A selección de tódalas verbas foi para min un dos momentos máis importantes xa que quería que quedase moi claro todo o que o baloncesto significa para min. Cada letra do abecedario ten unha verba que vai acompañada dunha ilustración e dunha pequena reflexión que explica os motivos polos que foi escollida. Por esta razón faise moi difícil escoller unha única verba xustamente porque todas elas foron escollidas polo seu significado para min xa sexa por estar relacionadas con aspectos deportivos do baloncesto, relacionadas cos valores e coas ensinanzas que vai deixando nun mesmo ou relacionadas con situacións de superación e crecemento que nalgún momento puiden vivir.

Unha das verbas que primeiro aparece no libro, coa primeira letra do abecedario, e que para min é moi especial é “amigos”. Ao longo dos anos é incrible a cantidade de persoas que o baloncesto me permitiu coñecer, persoas que a día de hoxe as teño consideradas como moi bos amigos e amigas. Podo dicir con moito orgullo e sentimento que o baloncesto regaloume unha segunda familia.

– Hai varias mensaxes no libro, todas elas moi positivas, en torno ao que o Baloncesto pode ensinarnos e as ferramentas para a vida que poder ofrecernos dende ben pequenos. A que idade fuches ti consciente de todo o que este Deporte fixo na túa persoa?

Pois eu creo que fun consciente de todo o que o baloncesto fixo na miña persoa anos despois de deixar a miña faceta de xogador e despois de xa levar algúns anos como adestrador. Como xogador o baloncesto ensinoume moitas cousas que agora son capaz de valorar de forma moi positiva e incluso trasladar á miña vida como adestrador: o esforzo e o sacrificio no día a día, o compañeirismo, a capacidade de organización, a ilusión e a motivación por todo aquilo que se fai e moitas outras cousas que aparecen ao longo do libro. Tamén son moi consciente de que este deporte ademais de axudarme a crecer a nivel persoal tamén me axudou a crecer a nivel profesional, mellorando e progresando ano tras ano e conseguindo facer o que máis me gusta: vivir por e para o baloncesto.

– Porque convidarías aos nenos e nenas a ler “Unha Vida de Baloncesto”? ¿E aos que xa somos algo máis maiores?

Mentres escribía o libro tiña clara a idea principal de “Unha Vida de Baloncesto”: un libro dirixido a tódolos nenos e nenas que practican ou comezan a practicar o noso deporte e que poden descubrir páxina tras páxina todo o que o baloncesto lles pode regalar e ensinar ao longo dos anos.Penso que moitos nenos e nenas poden sentirse identificados co personaxe do libro e poder así entender moito mellor as reflexións que atoparán páxina tras páxina na viaxe que farán polo abecedario. Pero tamén penso que pode ter unha segunda lectura dirixida aos “algo máis maiores”. Neste caso o libro poderá ser lido como se fose unha autobiografía na que descubrirán a importancia que tivo o baloncesto para min desde moi pequeno e ata o día de hoxe. Tamén sería moi reconfortante que este libro axude a algunha familia a que animen aos seus fillos ou fillas a practicar baloncesto, ou calquera outro deporte, por todo o que lles poida aportar.

– Dende os seis anos atesourando experiencias deportivas e non estritamente deportivas pero todas relacionadas co Baloncesto, as cales compartes agora co mundo a través deste libro, que che queda por vivir neste deporte que aínda non estea reflectido sobre papel?? Que novos obxectivos tes?

Non fai moito un xogador preguntoume cal foi o momento máis especial que vivín grazas ao baloncesto e non fun capaz de quedarme cun único momento. Comecei a pensar e xurdían experiencias tras experiencias, todas elas co seu significado e cos seus recordos xa inesquecibles para min. Como tamén explico nunha das páxinas do libro, teño moitos recordos gardados na miña cabeza grazas ao baloncesto. Todas esas historias as teño ordenadas como se fose un álbum de fotografías con moitas páxinas. Pero o mellor de todo é que ese álbum aínda ten espazo para moitas novas fotografías.

E desta forma quero contestar a esta última pregunta. Quero seguir vivindo momentos e experiencias no mundo do baloncesto que sexan únicas e especiais e que dalgún xeito pasen a formar parte dese álbum de fotografías.  Máis que obxectivos, que loxicamente tamén seguen existindo, prefiro pensar tamén en seguir vivindo momentos e experiencias de todo tipo grazas ao baloncesto.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram