Seis do Nadal Coia: 13º Torneo Internacional de Minibásquet 2013

O Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia organiza nesta tempada 12/13 o 13º Torneo Internacional de Minibásquet 2013 “30 Anos co Deporte Base”, unha cita anual coas categorías inferiores que se celebrará os días 28 de abril e 1 de maio.

O 13º Torneo Internacional de Minibásquet 2013 conta co apoio da Concellería de Deportes do Concello de Vigo, o Instituto Municipal de Deportes, a Fundación Vigo en Deporte, a Secretaría Xeral para o Deporte, a Diputación de Pontevedra, a Federación Galega de Baloncesto e Coca-Cola.

Chega o 13º Torneo Internacional de Minibásquet 2013, un dos torneos con maior tradición da Comunidade Galega que cumpre a súa décimo terceira edición e reunirá os próximos días 28 de abril e o 1 de maio a grandes canteiras de baloncesto da cidade de Vigo, da comunidade autónoma de Galicia e de Portugal.

Máis de 400 deportistas e preto de 50 técnicos serán os protagonistas desta nova edición do torneo, que terá como marco dos encontros, e como gran novidade este ano, o Polideportivo Municipal de Navia, contando cun total de catro pistas nas que se xogarán 42 partidos ao longo das dúas xornadas.

Serán 24 equipos os que participarán na competición, 12 en categoría feminina que competirán o domingo 28 de abril, e outros tantos en categoría masculina que terán o seu turno de xogo o mércores 1 de maio. Os clubs que participarán no torneo con dous equipos, un masculino e outro feminino, son o anfitrión Seis do Nadal, que participará con dous conxuntos en cada categoría, o Colexio Salesianos (Vigo), o Porriño Baloncesto Base, o Peixegalego (Marín), o Pío XII (Santiago de Compostela), o C.B. Baiona e o Básquet Coruña. A categoría feminina será completada polo Airexa Nigrán, Arxil (Pontevedra), Cluny (Santiago Compostela) e Cía María (Vigo).

Os equipos de FC Porto (Portugal), BBC (Vilagarcía de Arousa), Liceo Casino (Vilagarcía de Arousa) e o Eduardo Blanco Amor (Ourense), completarán o cadro alevín masculino do torneo.

Os doce equipos que participarán nesta nova edición en cada categoría buscarán revalidar o título que xa posúen nas súas mans La Academia Celta e o Seis do Nadal – Coia, campións feminino e masculino da última edición. Ademais a gran maioría dos combinados galegos terán a oportunidade de preparar a súa participación na Liga FGB de Minibásquet que comezará a fin de semana do 4 e 5 de maio.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram