A Federación Galega de Baloncesto, en colaboración co Obradoiro CAB, organizará o vindeiro mes de setembro unha nova edición da Copa Galicia Sénior Masculina, que traerá a Compostela o mellor basket galego no inicio da temporada 2013 – 2014.
A XXVIII Fase Final da Copa Galicia Sénior Masculina coñece xa a súa a súa data de celebración e a súa estrutura competitiva. A cita baloncestística por excelencia da pretemporada galega, e emblema deportivo da Federación Galega de Baloncesto, terá lugar os vindeiros 21 e 22 de setembro en Santiago de Compostela, co Pavillón Multiusos Fontes do Sar como escenario de luxo e o Obradoiro CAB como co-organizador.
Esta XXVIII edición, na que de novo se reúnen os clubs galegos de máxima categoría, contará nesta ocasión coa presenza do propio Obradoiro CAB (ACB), C.B. Breogán (Adecco Oro), Básquet Coruña (Adecco Oro), Club Ourense Baloncesto (Adecco Oro) e Xuventude Baloncesto e Marín Peixegalego, representantes galegos en Adecco Plata.
Os seis equipos competirán baixo un sistema decidido previamente por sorteo e que estipula a presencia directa de Obradoiro CAB e Leyma Básquet Coruña en semifinais. Pola súa banda, os restantes catro equipos terán que verse as caras en dous encontros precedentes, cuxas datas están por fixar, na busca das dúas prazas de semifinalistas que restan por coñecer.
A capital galega acollerá así unha Fase Final da Copa Galicia co seguinte calendario concreto:
21/09/13. Pavillón Multiusos Fontes do Sar. Semifinais
Básquet Coruña – Vencedor Marín Peixegalego vs C.B. Breogán
Obradoiro CAB – Vencedor Xuventude Cambados vs Club Ourense Baloncesto
22/09/13. Pavillón Multiusos Fontes do Sar
Final