Santiago acolle o Torneo homenaxe a José Antonio Martínez Grela

Este domingo, 21 de setembro, ás 12:00 horas, o Pavillón polideportivo do Colexio La Salle, en Santiago, será testemuña dunha emotiva homenaxe, que familiares e amigos brindarán a José Antonio Martínez Grela, ex xogador do equipo colexial e do CAB Obradoiro. As amizades e os compañeiros de José Antonio Martínez Grela, falecido o pasado mes de agosto en accidente de tráfico, organizan este Torneo na súa memoria.

O aspecto deportivo deixará sobre a cancha un Torneo, en formato triangular, que enfrontará aos equipos de Basket Deza (Lalín), onde milita o seu irmán Jesús Manuel Martínez Grela; o equipo colexial de La Salle, que se reúne 24 anos despois para render a merecida homenaxe ao seu compañeiro de equipo; e un combinado de amigos cos que gozou grandes momentos de baloncesto logo de abandonar a práctica profesional deste deporte.

O emotivo evento terá lugar no indicado Colexio La Salle xa que José Antonio formou parte do equipo “La Salle Feiraco” (1990 – xeración do 72), un equipo moi competitivo que chegou a disputar fases finais contra equipos filiais de gran importancia como, entre outros, o OAR, o C.B. Breogan Lugo ou o Estudiantes de Lugo.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram