– O adestrador galego convértese na cabeza visible de toda a engrenaxe deste “I Campus”, unha iniciativa que aglutinará os esforzos dun notable grupo de profesionais do Baloncesto Galego durante a primeira quincena do mes de xullo.
– Baixo a tutela de Rubén, o Campus concentrará, en primeira instancia, entre o 30 de xuño e o 7 de xullo, a xogadores nados nos anos 1997, 1998, 1999 e 2000. E, nunha segunda quenda de traballo (do 7 de xullo ao 14) os seus protagonistas serán os rapaces e rapazas nados nos anos 2001, 2002, 2003 e 2004.
A Federación Galega de Baloncesto está a traballar arreo na organización do seu “I Campus de Tecnificación e Perfeccionamento FGB 2012”. E xunto a ela, supervisando e coordinando cada detalle atópase xa a persoa elixida para dirixir este “I Campus”. Tarefa que recae nas mans de Rubén Domínguez.
Ben coñecido por todos os afeccionados galegos ao baloncesto, Rubén, adestrador superior con nutrida experiencia en diferentes banquiños de elite do país, atesoura unha ampla bagaxe en Campus de Baloncesto, como adestrador, coordinador e director técnico.
Así mesmo, é colaborador habitual da Escola Galega de Adestradores da FGB, impartindo materias de táctica, técnica e dirección de equipo. Un abano de coñecementos deportivos aos que se suma tamén a súa formación académica en Psicoloxía.
Ruben Domínguez: “O protagonista vai ser cada baloncestista e a súa mellora”
Para coñecer cales son os parámetros que rexerán a dirección do Campus, quixemos manter contacto directo con Rubén, coas súas ideas e obxectivos. Coa intención de contribuír á mellora técnica de todos os participantes, e sen esquecer que a “paixón e ilusión polo baloncesto” son vitais, as primeiras impresións do director do “I Campus de Tecnificación e Perfeccionamento FGB 2012” non poden ser máis positivas:
– Con que obxectivos afrontas a túa tarefa como Director deste “I Campus de Tecnificación e Perfeccionamento” que se pon en marcha desde a FGB?
O primeiro obxectivo é transmitir aos nenos a paixón e a ilusión polo baloncesto. O segundo é desenvolver un plan de acción para contribuír á mellora física, técnica, táctica e mental dos nosos baloncestistas. O terceiro obxectivo é xerar un ambiente positivo e motivante para a práctica conxunta, a interacción e a convivencia de todas as persoas que participan deste deporte en Galicia e dentro da Federación Galega: xogadores, fisios, delegados, árbitros, adestradores, etc. Sen esquecernos dos pais, que son unha parte fundamental no deporte dos seus fillos.
– Cales son aqueles puntos fortes que consideras que debe ter unha actividade destas características?
O punto forte é o desenvolvemento, a mellora dos aspectos técnicos mediante o adestramento.
Estamos realizando un seguimento das competicións das seleccións para preparar un plan de adestramento de cara a desenvolver e mellorar aqueles aspectos que nos parezan máis débiles nos nosos baloncestistas. O obxectivo é claro: conseguir unha evolución, un salto de calidade individual e colectiva.
– Que pode achegar este I Campus ao panorama actual da formación estival para xogadores de base en Galicia?
O Campus é un punto e seguido en todas as accións que se levan a cabo a través da Federación Galega de Baloncesto durante todo o ano. Pero neste caso nun ambiente diferente onde primará o progreso individual de cada un. Nas concentracións de seleccións ou campionatos todo está directamente relacionado coa competición en cada categoría, aquí o protagonista vai a ser cada baloncestista e a súa mellora.
– Como en todo bo Campus, o equipo de traballo será vital. Que características determinarán o bloque de persoal deste I Campus?
A calidade, o coñecemento e a diversidade. Como sinalaba nos obxectivos, este debe ser un punto de encontro, de debate e de progreso para todos, encamiñado a conseguir baloncestistas mellores, e intentando por suposto abrilo ao grupo máis amplo de adestradores de todos os niveis (formación, especialización e rendemento) para que todos contribúan na consecución dos nosos obxectivos.