
Os dous polideportivos municipais de Ribadeo acollerán este fin de semana, sábado 1 e domingo 2 de marzo, o “I Torneo de Seleccións Mini” en categorías masculina e feminina, organizado pola Federación Galega de Baloncesto e no que participarán as seleccións de Castela e León, Euskadi, Madrid e as nosas Preseleccións Galegas.
Este é o primeiro evento que se celebrará no novo pavillón ribadense, que será inaugurado oficialmente este venres, día 28 de febreiro, ás 19:30 horas.
Na presentación do torneo, celebrada esta mañá de martes no salón de sesións da Casa do Concello, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, destacou que o torneo desenvolverase “no marco incomparable dun novo pavillón que vai ser estreado con esta actividade. É unha instalación que deu moito traballo e moitos problemas pero que finalmente vai estar a disposición de novos, de vellos, de nenos e de nenas, en definitiva para todos os veciños de Ribadeo e tamén, como non, para os demais da comarca da Mariña que se queiran achegar a este centro de servizos que é Ribadeo, tamén con actividades con estas, de deporte base. Tamén nos parece un sector deportivo importante, dado que eventos que como este, que reúnen polo menos a cen rapaciños de Castela e León, de Euskadi, de Galicia e de Madrid, con seus respectivos pais, xerarán actividade na hostalaría durante este fin de semana a pesar de ser inverno, xa que estas cousas sempre veñen moi ben para dinamizar un pouquiño máis a economía local”.
Na importancia deste torneo de baloncesto para Ribadeo incidiu o concelleiro de Deportes, Vicente Castro, quen comentou tamén que “nun concello como o de Ribadeo, no que a liña deportiva principal, xira en torno ao deporte base non podía ser doutra maneira que o primeiro evento a desenvolver neste pavillón, que vamos inaugurar este venres, fóra un campionato de deporte base, neste caso baloncesto. Este goberno municipal sempre deu especial importancia a todo o deporte base e polo tanto á promoción, diversificación e apoio ás escolas deportivas municipais. Os resultados van chegando pouco a pouco: por un lado a nivel cuantitativo, co crecente número ano tras ano de cativos que participan, e por outro, no cualitativo, porque xa se empezan a ver os primeiros rapaces e rapazas que empezan a destacar”.
A Federación Galega de Baloncesto estivo representada en Ribadeo polo seu responsable deportivo, Carlos Colinas, quen agradeceu ao Concello de Ribadeo e ao Club Baloncesto Ría de Ribadeo por “acoller un evento deportivo de formación coas connotacións que ten, nunha categoría que é a iniciación á práctica do baloncesto. Esto vén a dar sentido á labor de captación e seguimento que se fai dende a Federación Galega aos nenos de 7 e 8 anos de toda Galicia, ao traballo que fan os diferentes clubs en A Mariña lucense e noutros lugares como preparación para o Campionato de España desta categoría que as seleccións galegas disputarán durante a Semana Santa en Cádiz. Creo que o nivel deste I Torneo é importante, a pesar de que esteamos a falar de idades prematuras”.
Carlos Colinas engadiu que “Ribadeo e toda a comarca van a vivir un evento moi interesante, rodeado dun seguimiento importante de pais e de entrenadores, que nestas categorías sempre están ao lado de todos estes nenos”.
O coordinador da Federación Galega de Baloncesto na Mariña, José Antonio Sama, explicou que “este ano creouse na Mariña unha zona de traballo nova dentro da Federación Galega de Baloncesto e entre os obxectivos que temos está a promoción do baloncesto base sobre todo”. Ademais destacou que é un evento “dos máis importantes a nivel de minibasket que ten lugar na nosa comunidade” e agradeceu “ao Concello de Ribadeo, que dende o primeiro momento abriu as portas á celebración deste torneo aquí, e ao Club Baloncesto Ría de Ribadeo, que puxo a disposición da Federación Galega os seus medios humanos para que este torneo saia o mellor posible”.
José Antonio Sama animou a toda a xente da Mariña a achegarse a Ribadeo pois “aínda que son moi pequenos, en idade, hai moitos que son grandes xogadores”.
Por último, o presidente do CB Ría de Ribadeo, Manuel Fernández; rematou a presentación do torneo agradecendo “ao Concello, á Federación Galega e a Sama como coordinador, por traer para Ribadeo este evento. Esperamos que nos sirva para seguir mellorando e captando máis rapaces para o noso equipo de baloncesto, que segue crecendo”.