Resultados positivos para Galicia Infantil na recta final da súa preparación

As nosas Seleccións Infantís aproveitaron a tarde deste domingo, 30 de marzo, para desputar en Compostela sendas citas amigables precisas para sacar conclusións e elevar a confianza do grupo de cara a cita co Campionato de España, evento que agarda xa á volta da esquina (Zaragoza, do 16 ao 20 de abril).

Grazas á colaboración de A.D.M Peleteiro, en feminino; e FEDESA en masculino, os combinados galegos puideron amosar na pista que están listos para afrontar o reto nacional. Os resultados colleitados na tarde dominical, asinados con vitoria, referendan a súa actitude positiva, da que podemos dar boa conta. Coñezamos pois o acontecido na pista do Pavillón Lorenzo Latorre.

SELECCIÓN GALEGA INFANTIL MASCULINA

(30/03/14 – 18:30 h) Galicia Infantil Masculina – Instituto Rosalía de Castro (73 – 59)

A cita amigable entre Galicia e o equipo Júnior de Rosalía de Castro comezou con intercambio de canastras por parte de ambos os conxuntos. Os xogadores rivais deron os seus primeiros pasos aproveitando boas opcións de 1×1 que Galicia non sabía defender con efectividade. Pola súa banda, os galegos lograban anotar gracias ao bo movemento de balón e a positivas situacións de tiro liberado. Este primeiro acto rematou con abultada cifra no marcador gracias a xogo alegre común (27-24). 

Os segundos dez minutos estiveron marcados polas imprecisións. As perdas de balón sucedíanse para ambos bandos e os erros á hora de finalizar propiciaban que ningún dos dous bloques estivese cómodo na cancha de Lorenzo de Latorre. Baixo esta sintonía, o electrónico sinalaba o descanso con Galicia seis puntos arriba.

A renovación do xogo viu acompañada dun plus de enerxía para os xogadores de Miguel Ángel Hoyo, máis asentados xa correndo despois de rebote e mesmo tras canastra recibida, o que favorecía vantaxes e unha importante superioridade numérica.

Galicia destacou neste período pola súa capacidade defensiva, máis agresiva que nos primeiros compases e facendo bo uso da presión ao xogador con balón, forzando así erros no equipo contrario e sumando canastras á súa particular renda. Nestas, a dez minutos do final, seguía arriba con 9 puntos de vantaxe.

No último período, os nosos representantes, lonxe de baixar os brazos, estenderon a súa intensidade apertando dende arriba ao rival. Súas eran as canastras en superioridade, os roubos de balón e un xogo máis organizado en ataque que os fornecía de tiros estables dende fóra, estes últimos non sempre ben aproveitados. Nos derradeiros intres os cestos dos galegos sucedéronse, deixando o tenteo nun definitivo 73-59.

SELECCIÓN GALEGA INFANTIL FEMININA

(30/03/14 – 16:30 h) Galicia Infantil Feminina – Peleteiro (49 – 22)

A primeira parte do partido bebeu da boa defensa galega e o desacerto de ambos equipos cara ao aro. Neste escenario, as numerosas recuperacións de balón permitiron ás galegas asinar os primeiros dez minutos cunha clara vantaxe de (14-4).

Xa no segundo cuarto os dous equipos erraron numerosas e óptimas ocasións, transformando este no parcial global máis baixo en anotación e chegando ao descanso co marcador (20 – 9).

O paso por vestiarios non sentou ben no combinado galego, que regresou a pista un tanto máis apático, estado que Peleteiro aproveitaba para recortar distancias grazas a varias accións consecutivas. Costoulle, pero Galicia retomou a intensidade e concentración perdidas e volveu a dominar o xogo e ampliar, de novo, a vantaxe no marcador. O electrónico rexistraba un 34 – 14 favorable ás de Armando Otero a falla dos derradeiros dez minutos.

Chegado o tempo definitivo, as xogadoras de Peleteiro semellaban cansas e sen atopar solucións factibles á dura defensa ofrecida polas galegas. A pesar de que gozaron en numerosas ocasións de segundas oportunidades no ataque, non parecían acertadas de cara ao aro. Pola contra, as galegas con múltiples contraataques, grazas ás recuperacións de balón, conseguían anotar áxiles bandexas para manter, e ata ampliar, a marxe final (49-22)

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram