As Preseleccións Galegas Infantis e Minis, en plena preparación para os Campionatos de España de ambas as categorías, acometeron esta fin de semana festiva as súas primeiras probas de xogo oficiais.
En pista, e grazas á desinteresada colaboración de diferentes clubs galegos (C.B. Tui, Rosalía de Castro, Celta de Vigo e C.B. Cluny) puideron tomar nota das cuestións a mellorar e de aqueles aspectos que reforzan a súa confianza. Coñezamos como lles foi nestes duelos amigables, previos aos que terán que disputar en Andalucía, sede confirmada xa dos Campionatos Nacionais.
Preselección Galega Minibasket Masculina (Pavillón Municipal Tui)
(10/02/13) (18.30 h) Preselección Galega – C.B. Tui (infantil/cadete) (51 – 101)
No comezo do partido, os xogadores acusaron os nervios ante un conxunto que foi superior fisicamente durante o total dos 48 minutos. Xa no segundo cuarto, o equipo imprimiu unha dose de carácter, subindo moito a intensidade defensiva e a concentración.
Isto se reflectiu no marcador, pero non duraría moito, xa que segundo ían pasando os minutos a diferenza física co opoñente pasaba factura, afectando á concentración e ao propio xogo. Aínda así, os minis galegos non se renderon e continuaron loitando durante todo o encontro.
(11/02/13) (16.30 h) Preselección Galega – C.B. Tui (infantil/minibasket) (65 – 75)
Nesta ocasión os galegos saíron con maior confianza nas súas posibilidades, o que, sumado a que a diferenza física era menor que no día anterior, permitiu despregar o seu xogo con maior facilidade. Na primeira metade mantiveron un alto nivel defensivo, anotando canastras rápidas ao contraataque.
Xa na segunda parte, o cansazo de toda a concentración fixo aparición, acompañado dun baixón no nivel defensivo e na concentración dos cativos preseleccionados. Aproveitando esta situación, o rival adquiriu unha boa vantaxe no marcador que os nosos non foron capaces de reducir a pesar dos seus esforzos.
Preselección Galega Minibasket Feminina (Pavillón Municipal Tui)
(11/02/13) (16.30 h) Preselección Galega – Celta (1º división infantil) (29 – 80)
As xogadoras da preselección mini non dubidaron en saír ao campo cun ritmo de xogo excelente, marcando a diferenza desde o primeiro segundo.
Na primeira metade, cun contundente 14-34, as galegas deixaron claro que o esforzo e o bo xogo tanto defensiva como ofensivamente, seguindo sempre moi atentas ás instrucións do corpo técnico, obtiñan a súa recompensa.
Sen apenas faltas, con máis confianza e complicidade, comezaron a segunda metade crecendo en actitude. Mostra diso, o marcador final, un 29 – 80 que premiaba o seu traballo e mitigaba os lóxicos erros derivados dos nervios.
Preselección Galega Infantil Feminina (Pavillón Alonso Rodríguez – Noia)
(11/02/13) (17.00 h) Preselección Galega – C.B. Cluny (júnior/sénior) (83 -34)
Galicia destacou dende o inicio pola súa agresividade e concentración defensiva, roubando moitos balóns e conseguindo canastras sinxelas. A defensa galega puxo en apuros tanto á subida do balón como ao ataque estático de Cluny. Con esta situación, o electrónico marcaba un 23 – 6 finalizados os primeiros 10 minutos.
No segundo cuarto non variaron moito as cousas, e as xogadoras galegas seguiron cun gran traballo defensivo e con rápidos contraataques, deixando de novo ao seu rival con escasas opcións e con tan só 6 puntos sumados. Ao descanso a vantaxe era xa de 40 puntos(52-12).
A recta final do encontro serviu para que o seleccionador, Armando Otero, realizase diferentes probas e botase man de rotacións.
O resultado final (83 -34) reflectiu o bo partido da preselección, bloque que está no camiño axeitado, debutando con vitoria e con anotación para todas as xogadoras.
Preselección Galega Infantil Masculina (Pavillón Municipal Tui)
(11/02/13) (18.30 h) Preselección Galega – C.B. Tui (2º división júnior)
Galicia rubricou cunha vantaxe de 16 puntos un encontro no que tivo a oportunidade de aplicar, durante os primeiros 20 minutos, os conceptos defensivos traballados durante estas datas de concentración.
Na segunda parte, o cansazo fíxose notar, acusando falla de concentración e perdas de balón. A cita, a primeira importante dentro da preparación do equipo, serviu ademais para poñer en pista diferentes quintetos.
(12/02/13) (17.00 h) Preselección Galega – C.B. Tui (2º división júnior/cadete) (53 – 50)
Un claro dominio da preselección marcou a primeira parte do encontro, establecendo, ao descanso, un amplo tenteo de 40-22 acadado grazas ao gran acerto ofensivo e a unha boa selección de pases e tiros.
A fatiga foi a protagonista na segunda parte, na que os nosos recibiron un parcial de 15 puntos por só 1 anotado. Os locais lograban achegarse.
No derradeiro cuarto o encontro chegou a estar empatado, desequilibrando o marcador a favor galego o seu acerto dende os tiros libres a falla de 30 segundos.