Como é xa unha tradición, a Casa dá Cultura ADR Castelao foi o escenario escollido pola ADC Espeto para a posta en escena do seu torneo dedicado ao baloncesto 3on3. O XVI 3on3 Carneiro ó Espeto deu o seu pistoletazo de saída cunha presentación cargada de sorpresas e emocións para todos os asistentes, pero especialmente para o padriño desta edición, Javier Llorente.
(Info: A.D.C. Espeto) Para arrincar, Saúl Ares, Presidente do Comité Organizador; deu a benvida a todos os presentes para dar paso a uns saúdos moi especiais, os padriños de edicións anteriores, de entre os que destacaron José Angel Antelo (UCAM Murcia), Nacho Martín (Estudiantes Madrid), Moncho Fernández (Rio Natura Monbus Obradoiro) e Moncho López (F.C. Porto). Todos eles quixeron enviar un amigable saúdo a Javi Llorente á vez que lle encomendaron gozar como fixeron eles na súa visita “ao paraíso que é Moraña” (Moncho López).
Un set escollido para a ocasión foi o escenario das mini-entrevistas, a primeira delas a Nando Galmán, membro da organización do I Circuíto Galego 3×3. O coruñés destacou a boa acollida que está tendo o circuíto nas súas primeiras probas (As Pontes e Boiro), así como a idoneidade de que un evento como o de Moraña forme parte do seu cartel. “Un dos problemas destes eventos é a súa difusión, e o de Moraña está consolidado grazas a iniciativas como a de hoxe”. Para concluír, Galmán adiantou que a intención do comité organizador é poder crecer en edicións posteriores e engadir probas ao evento.
Outra das visitas “estrela” foi a de Miguel Ángel Pérez Pérez, Director Técnico do Comité Galego de Árbitros e árbitro internacional (máis de 500 partidos en Liga Endesa). O gaditano non se quixo perder a cita pese a que en 48 horas estará arbitrando á selección española na súa xira pre olimpiada. Pérez Pérez destacou a implicación da FGB co baloncesto 3×3 e anunciou que un dos árbitros que acudirá a Moraña disputou o Campionato de España por autonomías U18 xa que “estamos creando un grupo de árbitros específico para o 3×3 e queremos que os seus compañeiros e os participantes se beneficien da súa presenza no torneo do venres”.
O momento máis esperado da mañá produciuse coa subida de Javi Llorente á tribuna. Un vídeo cos mellores momentos da histórica tempada que o leonés viviu en Marín serviu como “carta de presentación”. Campión de liga e copa, ascenso a Adecco LEB Ouro, mellor adestrador da Adecco LEB Prata da tempada, seleccionador axudante U17… pero por encima de todo, e en palabras da organización, “un amigo de Moraña, humilde, leal e traballador”. Valores estes por os que ADC Espeto decidiuse “por unanimidade” á hora de contar con el. Ademais das súas diferentes colaboracións co Concello, Javi Llorente foi participante en varias edicións do torneo, gozou da festa gastronómica en varias ocasións e escolleu Moraña como escenario da súa voda; todo iso é unha boa mostra da relación tan estreita que garda co municipio do Umia. “Estou emocionado. Ver a grandes profesionais saudarme e darme a benvida á que considero a miña casa; formar parte do cartel de padriños con nomes tan importantes e sobre todo, poder ver este vídeo á beira dos meus amigos é un motivo de orgullo persoal.” Llorente superou con nota un test a cargo da organización e recibiu agasallos de parte de patrocinadores, federación, comité organizador e en último lugar de parte do Concello de Moraña.
Pechou a presentación a alcaldesa de Moraña, María Luisa Piñeiro, mostrando a súa “alegría porque Javi sexa o padrino desta edición, sabes que estás na túa casa” e destacando “a gran implicación de todos os que forman parte desta organización, cun traballo anual que non se ve e que se pon de manifesto en días como hoxe ou o venres”. A rexedora morañesa quixo enviar unha invitación a todos aqueles que queiran gozar dunha festa gastronómica que crece ano a ano en difusión.
Unha foto de familia con autoridades e patrocinadores foi o epílogo dunha nova páxina no libro do 3on3 Carneiro ó Espeto, que se disputará este venres, 29 de xullo; e que aspira a reunir a 32 equipos chegados de todas as partes da xeografía galega e o noroeste peninsular.