Posta de Longo para a XXX Copa Galicia Sénior Feminina

A XXX edición da Copa Galicia Sénior Feminina celebrou esta mañá en Vigo, na Sede da Deputación de Pontevedra; a súa presentación oficial. 

Da man da Presidenta da Deputación, Carmela Silva; e co respaldo do Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o Alcalde de Vigo, Abel Caballero, Isa Sánchez, como embaixadora da Federación Española de Baloncesto e do proxecto “Universo Mujer”; e o Presidente da FGB, Francisco Martín; a 30 edición do torneo copeiro arrincou entre os mellores desexos de que o vindeiro sábado 17, día de celebración da mesma, sexa toda unha festa.

O 30 aniversario da Copa Galicia celebrarase no Pavillón Vigués de Navia este sábado 17, contemplando un programa de eventos que esta mañá foi louvado por todos os representantes das institucións:

17:00 h Encontro Homenaxe Veteranas: Selección Galicia Norte – Selección Galicia Sur (Pavillón de Navia)

19:30 h Final oficial XXX Copa Galicia Sénior Feminina 2016 (Pavillón de Navia): Star Center Universitario Ferrol vs Vencedor do Kemegal Cortegada – Celta Baloncesto (14/09/16 – 21.00 h. Fontecarmoa)

22:30 h Acto Homenaxe 30 aniversario Copa Galicia (Auditorio Mar de Vigo)

Apoio incondicional ao Baloncesto Feminino

A estrea oficial do 30 aniversario da Copa Galicia Feminina permitiu que as institucións colaboradoras directas da FGB neste evento amosasen o seu compromiso total co Baloncesto feminino Galego, realmente o gran protagonista.

Carmela Silva, Presidenta da Deputación de Pontevedra, principal valedora da celebración en Vigo desta edición da Copa, remarcou a importancia da “traxectoria espectacular das mulleres” que nestes trinta anos levaron o baloncesto e Galicia por todo o mundo. Así mesmo fixo fincapé na “obriga” de apoiar esta cita, vital para facer visible o deporte en categoría feminina.

O alcalde vigués, Abel Caballero; valorou a do sábado 17 como unha cita “moi importante” para a gran familia do baloncesto vigués, un deporte cunha inmensa tradición na cidade.
Pola súa banda, tanto o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete; como a embaixadora da FEB, Isa Sánchez; xogadores de baloncesto ambos nun pasado recente, remarcaron o indispensable poder dos valores que promove o baloncesto e o deporte, con especial atención ao baloncesto feminino.

Isa Sánchez, que compartiu con todos a medalla de prata obtida en Río de Janeiro pola Selección feminina española, mostrouse leda de “compartir o esforzo e os ideais” que logros como este representan no “Universo Mujer”.

O presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; quixo finalmente agradecer a todas as institucións o seu inestimable compromiso co Baloncesto e coa entidade federativa. Na súa despedida convidou ademais a todos os vigueses e afeccionados da provincia de Pontevedra a achegarse o vindeiro sábado 17 a desfrutar dunha Copa que conmemora aquela primeira final celebrada no ano 1987 entre o Circulo Mercantil de Vigo e o Pío XII de Santiago. Un primeiro trofeo que venceron as viguesas (73 – 69) e que hoxe estivo presente en Vigo.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram