Posta de longo oficial para o “Día do Pequebasquet”

Concello de Carballo, Deputación da Coruña e Federación Galega de Baloncesto cualifican o Día do Pequebasket como un referente a nivel galego. Representantes das tres entidades avalan o traballo da Escola de Basket Xiria.

O Día do Pequebasket conta con todo o apoio do Concello de Carballo, a Deputación Provincial da Coruña e a Federación Galega de Baloncesto, tal como manifestaron os representantes desas tres institucións no acto de presentación da segunda edición, celebrado a mañá do sábado na casa consistorial carballesa.“Carballo está no punto de mira para toda Galicia”, declarou a vicepresidenta da Deputación, Mariel Padín; en tanto que o vicepresidente da FGB, José Manuel Villamarín; cualificouno como “un torneo único en Galicia” e o concelleiro de Turismo de Carballo, Xosé Regueira, definiuno como unha das iniciativas que “saben converter Carballo nun referente a nivel galego”.

Xunto con Mariel Padín, José Manuel Villamarín e Xosé Regueira, na presentación do 2º Día do Pequebasket participaron o concelleiro de Deportes de Carballo, Marcos Trigo; o alcalde, Evencio Ferrero; o presidente da Escola de Basket Xiria, Diego Vázquez, e o director deportivo, Arturo Ferraces, quen avanzou que a estas alturas xa se superou o número de equipos inscritos do ano pasado. Ferraces fixo explícito, ademais, o convite da entidade deportiva “a todos os carballeses” para que participen na xornada lúdica e deportiva do vindeiro 17 de maio. De feito, aínda que o baloncesto será “unha parte importante” do evento, non será a “fundamental”. Ao longo de todo o Día das Letras Galegas haberá xogos populares, inchables, un circuíto de karts a pedais e diversas actuacións abertas a todos os nenos que queiran gozar dun día inesquecible.

O presidente da Escola de Basket Xiria destacou que o Día do Pequebasket foi unha “iniciativa pioneira” que se está a imitar noutras comunidades autónomas, destacou o traballo dos seus compañeiros do comité organizador e expresou o “orgullo” da entidade polo feito que de forme parte do programa Galicia 2014. Imos pola Copa. Nese sentido agradeceu o compromiso da Federación Galega de Baloncesto, ao igual que das dúas institucións patrocinadoras. Entre as actividades previstas para o 17 de maio destacou, por outra banda, a presenza do ex xogador Fernando Romay, que, como tamén subliñou Mariel Padín, será “un valor engadido”.

Xosé Regueira asegurou que Carballo necesita “eventos coma este” para reforzarse como marca turística. “É o turismo que buscamos: sano e familiar”, declarou o concelleiro. Na mesma liña, o seu compañeiro Marcos Trigo manifestou que o Día do Pequebasket “trascende o deportivo” e demostra unha gran capacidade organizativa por parte da Escola de Basket Xiria.

Pola súa banda, o alcalde de Carballo amosouse convencido do éxito da iniciativa e lembrou que o deporte implica tamén sacrificio, tanto “organizativo” coma “familiar”, polo que a programación deste tipo de eventos ten un mérito especial.

Durante o acto de presentación deuse a coñecer a nova imaxe do Día do Pequebasket, que inclúe un novo logotipo deseñado por Alberte Sánchez, unha web realizada por Don Clic e un vídeo promocional que asina outra empresa carballesa, VisualK Vídeo. O animado vídeo, pensado especialmente para os nenos aos que vai dirixida a iniciativa, de 5 a 8 anos de idade, provocou os aplausos de todos os presentes xa no remate da xuntanza.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram