A Área Deportiva FGB remata a temporada coa celebración de catro Centros de Tecnificación de carácter autonómico, materializando así o lóxico broche a 12 meses de traballo de control e seguimento sobre xogadores e xogadoras galegos de diferentes categorías.
Elixindo esta fin de semana, 14 e 15 de xuño; e o vindeiro domingo, 29 de xuño; como datas para a celebración dos derradeiros CETI previstos, o departamento técnico FGB convoca, en catro sesións diferentes e baixo lista pechada, ás tres categorías habituais: minibasket, infantil e cadete.
14 e 15 de xuño, minis e cadetes en acción
Un total de 71 xogadores e xogadoras cadetes (33) e minibasket (38) serán os primeiros en afrontar as súas quendas de adestramento e farano o presente sábado 14 e domingo, 15 de xuño, en Porto do Son e A Estrada, respectivamente.
Os primeiros, nados no ano 1999, están citados este sábado no Pavillón Municipal Santa Irene (Porto do Son) baixo a seguinte orde:
GRUPO FEMININO: de 16:00 h a 18:00 h
GRUPO MASCULINO: de 18:00 h a 20:00 h
Pola súa banda, os máis novos (nados no ano 2003) comparecerán na Estrada o domingo para adestrar, en horario de mañá, no Pavillón Manuel Coto Ferreiro:
GRUPO MASCULINO: de 10:00 h a 12:00 h
GRUPO FEMININO: de 12:00 h a 14:00 h
As convocatorias emitidas pola Área Deportiva FGB para ambas os CETI poden consultarse nos documentos que se achegan.
Colaboración Indispensable
Agradecer a colaboración de C.B. Porto do Son, E.D.M. A Estrada e Concellos de ambas as vilas. A súa aposta por acoller no seu ámbito a celebración dos CETI FGB volve a ser crucial.
CETI Autonómico 1999: 14/06/14
CETI Autonómico 2003: 15/06/14