Porriño, sede para o Campionato de España Infantil Feminino de Clubs

A vila pontevedresa de Porriño, coa colaboración da localidade veciña de Tui, acollerá esta cita, confiando en repetir o éxito organizativo colleitado no ano 2011 en ambas as vilas coa celebración do Nacional na súa categoría Júnior masculina.

Federación Galega de Baloncesto e Concello de Porriño confirmaron este mércores o compromiso oficial polo cal esta vila, coa colaboración do Concello de Tui, convértese en escenario principal para o Nacional de Clubs Infantil Feminino, que terá lugar entre os días 12 e 18 do vindeiro mes de xuño.

O Presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín; recibiu esta mañá na sede central da FGB ao Concelleiro de Deportes de Porriño, Manuel Carrera. Reunidos, perfilaron os detalles do acordo polo cal Porriño repetirá como o plató principal do espectáculo deportivo que sempre traen consigo os 32 equipos que participan nun Campionato de España.

A aposta polo baloncesto feminino e pola capacidade organizativa das vilas de Porriño e Tui, centrou a conversa previa á sinatura do convenio oficial. Tanto Francisco Martín como Manuel Carrera agradeceron a “confianza mutua” amosada polas dúas institucións que representan e mostráronse convencidos da “oportunidade única” a nivel social e económico que supón a máxima cita co Baloncesto Base.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram