Plaza 2014: unha nova forma de entender o “3×3” chega a Galicia

A Federación Galega de Baloncesto abre as portas este verán ao formato “3×3” da man de Plaza 2014, recente proxecto da Federación Española de Baloncesto enmarcado nas accións en torno ao vindeiro Mundial 2014 e co que se viaxa xa por toda España promocionando esta modalidade lúdico – competitiva.

Baixo esta dinámica a FGB ten o obxectivo de poblar as rúas galegas con esta actividade, e farao neste inicio do mes de xullo. Para iso, cada Delegación Zonal mantén aberta de cara aos clubs a posibilidade de informarse e inscribirse nesta cita, dirixida ás categorías Júnior, Cadete, Infantil, Mini e Premini, tanto masculina como feminina e mixta.

Plaza 2014 constará de tres fases diferenciadas nas que desfrutar do baloncesto: local (que organizará cada club inscrito), provincial (a organizar por cada Delegación Zonal e na que participarán os campións de cada club por categoría e sexo) e final, tendo lugar esta última o vindeiro 20 de xullo en A Coruña (Praza de María Pita), coincidindo en data coa celebración do encontro da Selección Española Absoluta Sénior Masculina contra Arxentina. Nesta etapa definitiva participarán o mellor equipo de cada Delegación por cada categoría.

19009 1

Todos os interesados en participar poderán tramitar a súa inscrición de xeito gratuíto a través da súa correspondente Delegación Zonal. O único requisito a cumprir é o de cubrir de forma correcta o formulario de inscrición (solicitalo na correspondente delegación) e facelo antes do vindeiro 28 de xuño. Os equipos estarán formados por entre tres e catro xogadores que terán que ir provistos con dúas equipacións (camiseta clara e escura) e deberán acatar o regulamento específico do torneo.

No caso de A Coruña o proceso de inscrición deberá tramitarse directamente a través de La Voz de Galicia.es, xornal que, en colaboración con Básquet Coruña e o Concello da cidade herculina, levará o peso da organización da Fase Provincial nesta Delegación e tamén da Fase Final Global.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram