Pistoletazo de saída oficial ás Fases Finais da Copa Galicia Sénior Feminina e EBA

A responsable de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá o denominado “Trofeo Cidade de Ferrol”, evento que servirá de marco este venres e sábado, 18 e 19 de outubro, no Pavillón de Esteiro, á Fase Final da XXI Copa Galicia Sénior Feminina e á final, a partido único, da Copa Galicia EBA.

A concelleira de Deportes da cidade departamental, Susana Martínez Galdós; acompañada polo presidente de honra da Federación Galega de Baloncesto, Francisco García; e polo presidente do Club Universitario Ferrol, Leopoldo Ibáñez; detallou as características dunha nova edición do “Trofeo Cidade de Ferrol”, cita que neste 2013 repartirá a atención entre o basket en categoría feminina e en categoría masculina, gracias á celebración das fases finais das Copas Galicia Sénior Feminina e Copa Galicia EBA.

A competición feminina: semifinais e final
A fase final da XXI Copa Galicia feminina disputarase polos catro mellores equipos resultantes da Fase Previa: Real Club Celta Selmark, Universitario Ferrol, Durán Maquinaria Ensino e C.B. Arxil. Os catro bloques serán os artífices dunhas semifinais establecidas para o venres 18, ás 18.30 h e 20.30 h, deixando a gran final para a xornada do sábado 19, as 20.00h.

Así, a orde de enfrontamentos para os partidos desta XXI edición ofrecerá dúas tardes de baloncesto baixo o seguinte plan:

18/10/13 – XXI Copa Galicia Sénior Feminina. Semifinais

(18:30 h) Real Club Celta Selmark – Durán Maquinaria Ensino
(20:30 h) Universitario Ferrol – CB Arxil

19/10/13 – XXI Copa Galicia Sénior Feminina. Final
(20.00 h – Pavillón Esteiro)

A Copa Galicia EBA súmase á festa
O “XIV Trofeo Cidade de Ferrol” contará tamén coa súa porcentaxe de baloncesto masculino por conta da Final da Copa Galicia EBA, un encontro cuxos protagonistas coñeceranse aínda este mesmo mércores, tras a desputa dos últimos encontros da súa Fase Previa.

Neste caso, o enfrontamento que determinará o campión galego do “Torneo Copeiro EBA 2013” celebrarase ás 18.00 h do sábado, como perfecto adianto á gran final feminina.

Ferrol, escenario perfecto
O presidente de Honra da Federación Galega de Baloncesto, Francisco García, quixo acompañar aos representantes de Concello e Club organizador deste “Trofeo Cidade de Ferrol” e, ante eles, agradecer toda a súa colaboración “para que unha cidade como a ferrolá, con gran número de afeccionados ao baloncesto, poida estar no máis alto deste deporte, que é onde se merece estar”.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram