Perfumerías Avenida – Benfica, no II Torneo Baloncesto Feminino “Cidade de Santiago”

– Fundación Educación e Deporte Santiago presentou este martes a segunda edición deste Torneo que sitúa no centro ao Baloncesto Feminino.
– O encontro terá lugar este xoves, 7 de setembro (19:30 h) no Pavillón Municipal de Santa Isabel.

Fundación Educación e Deporte Santiago coa colaboración do Concello de Santiago, o IES Rosalía de Castro e a Federación Galega de Baloncesto traen a Compostela este xoves, 7 de setembro; a segunda edición do Torneo “Cidade de Santiago”.

O Baloncesto Feminino será o protagonista nesta cita, con Perfumerías Avenida e o portugués Benfica véndose as caras na pista do Pavillón Municipal de Santa Isabel. O encontro disputarase ás 19:30 h e o acceso ao mesmo será libre, ata completar aforo.

O II Torneo “Cidade de Santiago” viviu esta mañá a súa posta de longo coa presenza da Concelleira de Deportes, Pilar Lueiro; a Directora Xeral FGB, Susana Fernández Fiuza; o Presidente da Fundación Educación e Deporte Santiago, Ángel Cabana; e o Director do IES Rosalía de Castro, Xabier Mouriño.

A Concelleira de Deportes de Santiago, Pilar Lueiro; amosou a ledicia do Concello pola celebración da segunda edición do torneo, un evento no que tomarán parte “dous equipos punteiros”. A edil remarcou o apoio do Concello ao deporte en xeral, e ao feminino en particular, considerándoo “tema transversal nas súas politicas”.

Dende a óptica federativa, a Directora Xeral FGB, Susana Fernández; agradeceu tanto á Fundación como a Concello de Santiago a súa “implicación co Baloncesto, sobre todo co Baloncesto Feminino”. Fiuza animou tamén a todos os afeccionados a desfrutar do xogo de Perfumerías e animar ao seu adestrador, Pepe Vázquez, un “compostelán de toda a vida”.

Como organizador do evento, o Presidente da Fundación Educación e Deporte Santiago, Ángel Cabana, puxo en valor a celebración do torneo como “referencia para as nenas e nenos que practican Baloncesto no Club” e na cidade.

Rematou esta presentación o Director do IES Rosalía de Castro, Xabier Mouriño, dando as grazas ao Concello de Santiago, e amosando a súa satisfacción pola ampla práctica do deporte feminino no seu centro.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram