Penúltima proba de traballo para as Seleccións Galegas

As Seleccións Galegas Infantís e Minis afrontan esta fin de semana a súa penúltima parada no camiño cara aos inminentes Campionatos de España de cada categoría (do 23 ao 27 de marzo).

Aproveitando ao milímetro as derradeiras datas de traballo, os catro combinados galegos teñen ante si este sábado e domingo unha oportunidade máis de depurar erros e mellorar aspectos do seu xogo.

Nesta ocasión, repetirán visita a A Estrada os combinados infantil feminino e ambos os bloques mini. O primeiro o día 9, e os segundos cubrindo toda a xornada do domingo, 10 de marzo. O Pavillón Municipal Manuel Coto Ferreiro será de novo a súa sede.

Pola súa banda, os xogadores infantís, a cargo de Ángel Castro, reuniranse o domingo en Santiago de Compostela. No Pavillón Instituto Rosalía de Castro afinarán os seus conceptos de equipo.

En xogo
E para redondear a fin de semana, novos encontros amigables servirán como proba competitiva, contando, neste caso, coa colaboración do E.D.M. A Estrada e os equipos da súa disciplina. Así, en réxime de portas abertas ao público, veremos sobre a pista a dúas das nosas seleccións co seguinte plan:

(Pavillón Municipal Manuel Coto Ferreiro – A Estrada)

09/03/13
(17.30 h) Selección Galega Infantil Feminina – A Estrada Sénior Feminina

10/03/13
(16.30 h) Selección Galega Minibasket Masculina – A Estrada Infantil Masculino

16 -17 de marzo: última convocatoria
As catro Seleccións pecharán a súa preparación a vindeira fin de semana (16 e 17 de marzo), datas nas que celebrarán os seus últimos adestramentos. As infantís farano pola súa banda, e as minis no marco da “I Xornada de Harmonización do Minibasket Galego”. Os detalles de ambas as citas, así como as impresións dos Seleccionadores ante o reto do Campionato, coñecerémolas ben pronto.

Selección Galega Minibasket Masculina 2012 – 2013
Selección Galega Minibasket Feminina 2012 – 2013
Selección Galega Infantil Masculina 2012 – 2013
Selección Galega Infantil Feminina 2012 – 2013

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram