A Delegación viviu este sábado, 21 de abril, no Pavillón da Vila de Maceda unha completa xornada cos valores do “3×3” como protagonistas.
As instalacións municipais da localidade de Maceda, en Ourense, acolleron na mañá deste sábado a 3º xornada do “3×3” Premini desta Delegación. A excepción dos equipos colexiais de Carmelitas, todos os convocados acudiron á cita, nunha xornada intensa que se prolongou durante máis de 2 horas.
Pases, driblings, canastras e sobre todo grandes sorrisos e xestos deportivos foron a tónica do evento. Os xogadores e xogadoras máis pequenos gozaron en cada un dos partidos e tiveron tempo, entre xogo e xogo, de facer amigos e agruparse para celebrar partidillos e bombardeos informais tras os que aproveitaron tamén para repor forzas.
Progresión e aprendizaxe
Consultados os responsables e adestradores dos equipos participantes nesta 3º e penúltima xornada do “3×3”, todos coincidían en sinalar que a progresión dos seus preminis era evidente desde a primeira vez que se lles viu na pista. Máis desenvoltura, alegría e descaro xogando, as normas totalmente interiorizadas e auténticas ganas de participar. Non en balde, todos recalcaron que lles fixera curta a mañá.
E cómplices da boa marcha que levou esta nova sesión de “3×3” foron o Concello de Maceda e o C.D. Maceda, institucións que envorcaron todos os seus esforzos en servir unha organización impecable.
A eles, así como aos restantes clubs participantes, adestradores, xogadores e público asistente, a Delegación desexa trasladar o seu agradecemento pola implicación mostrada. Bo exemplo da mesma, a actitude dos pais e nais alí presentes que encheron as bancadas e fixeron posible un ambiente inmellorable, pechado cun sonoro aplauso ao termo da actividade.
En maio, o fin de festa
Coa xornada deste sábado A Delegación Zonal chega á parte decisiva para o seu pioneiro programa “3×3”. O peche definitivo terá lugar no mes de maio, a través dunha sesión final pensada como perfecto fin de festa para a “fórmula 3×3”. As sorpresas están aseguradas e, de novo, os máis pequenos serán os auténticos protagonistas.