– Preto de 200 deportistas de categoría Minibasket despregarán o seu baloncesto este mércores, 1 de novembro, na cidade das Burgas, grazas ao apoio da Deputación de Ourense.
– A xornada desenvolverase no Pazo dos Deportes “Paco Paz” e na instalación anexa do “Pazito”
Ourense será a sede da “Xuntanza Minibasket”, evento organizado pola Federación Galega de Baloncesto no marco da súa programación de seguimento deportivo dos xogadores e xogadoras máis novos de toda Galicia.
Coa colaboración da Deputación de Ourense, a área deportiva da Federación Galega de Baloncesto reunirá no Pazo dos Deportes “Paco Paz” a preto de 200 xogadores e xogadoras das xeracións 2012 e 2013, que representarán ás sete delegacións zonais federativas, contando ademais cos dous combinados autonómicos con participantes de toda Galicia.
Sen un ánimo estritamente competitivo, despregarán xogo e convivencia sobre as pistas as seleccións masculinas e femininas de A Coruña, Arousa, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo e as denominadas “Galicia 2013”.
A xornada contará cun total de 16 partidos que se estenderán de 09:30 h ata as 20:00 h. Os Seleccionadores Galegos en categoría Minibasket serán testemuña dos mesmos e observarán en directo a evolución deportiva de todos os participantes.
A actividade estará aberta ao público que desexe asistir e animar ao todos os participantes. O calendario de partidos pode consultarse AQUÍ.

