– A nosa Delegación en Ourense confía unha temporada máis na competición “3×3” para a categoría minibasket como ferramenta para a formación e a diversión.
– A primeira convocatoria na que materializar esta combinación será este xoves, 6 de decembro, no marco da tradicional festa ourensá da xuventude, “Megaxove”.
– Un total de 9 equipos cubrirán esta data con xogo en dúas pistas diferentes, ubicadas para a ocasión no Recinto Ferial Expourense.
A Delegación Zonal da provincia de Ourense celebra este xoves a súa primeira concentración de “3×3 – Minibasket” nesta temporada 2012 – 2013.
Avalada polo éxito de participación colleitado na última edición do seu particular circuíto “3×3”, a zonal FGB volve a dar valor ás vantaxes desa fórmula e as orienta de novo á categoría Minibasket.
O Recinto Ferial de Expourense será a sede da convocatoria de presentación na que tomarán parte nove equipos. Eles serán os auténticos protagonistas da xornada, repetindo encontros ao longo da mañá e da tarde e non perdendo detalle das diferentes atraccións que “Megaxove” achega aos máis novos.
No documento que se achega detallamos o calendario que agarda aos nove equipos en liza. Os mesmos que, ao remate da xornada, participarán dunha especial entrega de medallas. Un broche perfecto para toda unha festa do deporte.