O Comité Galego de Árbitros segue a apostar pola formación continua dos seus integrantes. Neste caso, e contando coa colaboración do experimentado Comisario ACB, Alejandro Alcalde; a última acción deste tipo centrou a súa atención nos oficiais de mesa desta máxima categoría.
A través do Comité Zonal Santiagués, reuníronse o pasado venres na sede da FGB en Compostela os distintos oficiais cos que o CGAB conta nesta categoría, sumando un total de 8.
Nesta xuntanza, analizaron os encontros disputados ata o momento, coincidindo este estudo co fin da primeira volta da competición ACB; así mesmo, activaron un debate sobre os protocolos de actuación e as ferramentas necesarias para minimizar os posibles erros que se produzan.
Na reunión tomaron parte tamén oficiais de mesa doutras categorías, compartindo cos seus compañeiros a análise de determinadas accións durante un partido, recollendo así diferentes perspectivas.