Os adestradores galegos, ben representados en Inglaterra

A Federación Inglesa de Baloncesto e o Baloncesto Galego estiveron vinculados “virtualmente” durante catro días. Dende o pasado luns; 16 de febreiro, e ata este mesmo xoves 19, o adestrador de R.C. Celta Selmark (LF2) e Director Técnico FGB; Carlos Colinas, tivo a oportunidade especial de asistir como adestrador relator nun Campus destinado a xogadores internacionais organizado pola Federación Inglesa.

O responsable técnico da Federación Galega, que viviu esta experiencia acompañado polo Director da Escola Nacional de Adestradores, Miguel Martín; achegou toda a súa bagaxe para, durante os indicados catro días, elaborar e afondar nun completo programa técnico de traballo.

Ambos os dous técnicos nacionais destinaron o seu esforzo a configurar esta estrutura orientada a 50 horas de labor e dirixida a 90 xogadores en idades sub16, sub18 e sub 19. Xunto a todos eles, e tomando boa nota de todo o sucedido en pista, participaron 25 adestradores da Federación Inglesa.

A experiencia resultou completamente satisfactoria para todos, supoñendo un fito máis no intercambio didáctico e rotura de fronteiras que o baloncesto sempre ofrece.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram